Nas últimas horas estase a falar da unificación de dous sistemas de comunicación de Google, Hangouts e Google Voice. Para os máis despistados, lembramos que Hangouts é o nome que recibe o servizo de mensaxería instantánea de Google co que podemos chatear, manter unha videoconferencia con até 10 membros e unha rea de cousas máis. Doutra banda, Google Voice permítenos facer chamadas de voz a calquera dispositivo que o soporte, unha funcionalidade que nos EUA lembra a un OMV (Operador Móbil Virtual), xa que asigna un un número de teléfono.
Cando Hangouts naceu todos apuntabamos a que contaría coa posibilidade de facer chamadas de voz (sen vídeo), pero non foi así, o que decepciouno a moitos de nós. Porén, desta volta semella que a fusión de Hangouts con Voice nos próximos meses podería achegar a Hangouts as chamadas de voz empregando a conexión de datos (VoIP), aínda que imaxinamos que non actuará como OMV.
O que fica claro é que Google quere converter Hangouts nunha completa plataforma de mensaxería, compatíbel cos principais sistemas operativos e versión web, para que sempre teñamos dispoñíbeis as nosas comunicacións independentemente do dispositivo que empreguemos nun determinado momento.
E vós, empregades Hangouts? Como vedes a incorporación da voz a este servizo?