HTC One (M8): o terminal de HTC para o 2014

O 2013 foi o ano de Android, e entre os dispositivos que o fixeron posíbel estaba o HTC One, un terminal de alta gama que soubo combinar prestacións con deseño e acabados premium. Pouco máis dun ano máis tarde chega o seu sucesor, o HTC One (M8), un dispositivo co que este fabricante quere seguir marcando tendencia.

one-m8-2014

O HTC One (M8) incorpora un procesador SnapDragon 801 a 2,3 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna, aínda que sempre poderemos ampliar a través de tarxetas microSD de até 128 GB; ademais, grazas a unha colaboración HTC – Google, completan até 50 GB o almacenaxe en Drive. A pantalla é de 5 polgadas, cunha densidade de 441 ppp. É compatíbel coas redes LTE-4G e, a diferenza da meirande parte dos gama alta Android, emprega tarxeta nanoSIM (como as do iPhone).

Mais se nalgo destaca especialmente  este trebello é no apartado fotográfico: conscientes da importancia que están a ter as cámaras frontais, vén cun sensor de 5 megapíxeles, lente de gran angular e capacidades HDR. Doutra banda, a cámara principal é dobre (Dúo cámara), cun sensor de ultrapíxeles (13 megapíxeles); esta nova dobre cámara serve para captar a profundidade das imaxes tomadas e focalizar nun ou noutro punto o centro de atención das fotografías, mesmo despois de térmolas sacado.

En canto a software, vén con Android 4.2.2 (KitKat) e a interface HTC Sense 6 con HTC Blinkfeed como principal elemento diferenciador, que se renova engadindo novas fontes de información e redes sociais, para que acceder a todas as novas e actualizacións dos nosos contactos sexa aínda máis áxil e vistoso.

Accesorios e Google Play Edition

Xunto ao novo dispositivo de HTC tamén se presentou unha funda intelixente, a HTC Dot View, que ten un deseño curioso con buratiños que deixan pasar certa información da pantalla, sen ter que abrila. Ademais, permite levar a cabo algunhas accións, como aceptar ou rexeitar unha chamada.

M8_DotViewCase_GRAY

Doutra banda, HTC tamén confirmou unha edición Google Play Edition, é dicir, un terminal con Android limpo, sen personalizacións engadidas polo fabricante. Esta edición pódese mercar na Play Store, aínda que só en Estados Unidos.

Dispoñibilidade e prezo

O HTC One (M8) chegará inicialmente en tres cores (negro, prata e dourando), aínda que existe unha versión vermello que aparecerá pasado algún tempo. Terá un prezo de 729 € e poderase adquirir a partir de abril.

Sobre o autor

Reply