LG deixa ver o seu G Watch mentres Sony confirma que non usará Android Wear polo momento

lg g watch

A semana pasada Google amosounos Android Wear, unha versión do sistema operativo Android deseñada exclusivamente para wearables, que nun primeiro momento será levado aos smartwatches; de feito, tras o anuncio feito pola Gran G, apareceron dous dispositivos que se encargarán de estrealo, o LG G Watch e o Moto 360.

lg g watch

Aínda que polo de agora non se coñecen as características técnicas destes dispositivos, os seus deseños foron conscientemente filtrados para aumentar as nosas ganas de velos no mercado. Así, mentres Motorola deixou ver un vídeo falando do dispositivo, LG preferiu amosarnos novas imaxes, que acompañan este artigo.

A sorpresa viría con Sony, compañía que podemos considerar pioneira na introdución de reloxos intelixentes Android, cos Sony Smartwatch e Sony Smartwatch 2. O fabricante xaponés anunciou que polo momento non van empregar Android Wear nos seus dispositivos vestíbeis, senón unha adaptación da versión xeral de Android, pois non queren botar por terra todo o investido até agora nesta liña de produto.

Sen dúbida é unha decisión arriscada, pois o fabricante traballará en solitario nesa adaptación e non se aproveitará das posibilidades do esforzo colectivo de Google e o resto de partners que empregarán Android Wear. Por iso cremos que estas declaracións responden máis a un capricho puntual que se irá esvaecendo nos próximos meses para acabar usando Wear ou deseñando un sistema operativo propio, unha opción menos probábel.

 

Sobre o autor

No Responses

Reply