Entre o 26 e o 28 de xuño terá lugar no Moscone Center de San Francisco o Google I/O 2014, o evento de desenvolvedores de Google no que se descubren as principais liñas de traballo da compañía en canto a desenvolvemento de software e ferramentas para mellorar o mundo.
Onte á tardiña habilitouse a web desta edición, na que, coma sempre, atopamos algún que outro xogo e toda a información relacionada co evento. Mais, se cadra máis importante, tamén se deron a coñecer as datas para reservar as entradas, entre o 8 e o 10 de abril.
A principal novidade deste ano é que se establece un tempo maior e haberá sorteo entre todas as persoas que se prerexistren para seren escollidas de xeito aleatorio. Os que finalmente sexan aceptados deberán pagar 900 dólares pola entrada (300 se son estudantes).
Coidamos que o evento deste ano vai estar moi centrado nas tecnoloxías wearables, logo da presentación hai un días de Android Wear. Entre o hardware que seguramente sexa dado a coñecer durante o I/O estaría o novo LG G Watch e unha posibel tablet Nexus de arredor de 8 polgadas. Así mesmo, tamén se agarda que haxa novas sobre o estado do proxecto Google Glass e dalgunhas aplicacións de Google, como Hangouts, que podería ser fusionada con Google Voice de xeio inminente, como adiantamos hai uns días.