Con sede en Dinamarca, Lumigon é unha empresa que desde o 2009 traballa na elaboración de dispositivos Android, o último deles o Lumigon T2 HD. Trátase dun terminal que fai especial fincapé nun deseño premium, para o que empregan acabados en materiais como o aceiro inoxidábel e o cristal.
As súas especificacións pasan por unha pantalla de 4,3 polgadas cunha resolución de 1280 x 720 píxeles (326 ppp), procesador Qualcomm SnapDragon de dobre núcleo a 1,7 GHz, 2 GB de RAM e 32, 64 ou 128 GB como opcións de memoria interna, que en ningún caso serán ampliábeis.
No apartado multimedia, as súas cámaras incorporan sensores de 13 e 2,4 megapíxeles para a traseira e frontal respectivamente; como principal elemento diferenciador sobre outros dispositivos, a frontal tamén inclúe flas LED.
O Lumigon T2 HD é así mesmo resitente a auga e pó segundo o estándar IP65, ademais de ter protección Gorilla Glass 3 na súa pantalla para protexelo de rabuñadas. En canto ao software, virá con Android 4.4 KitKat e unha capa de personalización con algunha que outra aplicación propia para aumentar as súas posibilidades.
Chegará ao longo do segundo trimestre do ano en dúas cores, branco e negro, a partir dos 750 € que custará o modelo de 32 GB. Tamén se comercializarán accesorios específicos para el como o dock que permite ter configuradas accións específicas cando se poña o terminal sobre o mesmo.
Que vos parece?