Así é Android TV: publicadas as primeiras imaxes da súa interface

android tv 2

Semella que nestes tempos a televisión está a vivir a sua segunda idade dourada, coa popularización de set-top-boxes e dispositivos tipo Chromecast para enviar contido a reproducir nas súas pantallas desde os nosos smartphones. Desde Google parece que por fin están a darlle a volta necesaria ao proxecto Google TV, até o de agora non moi exitoso, para redefinilo como unha solución de calidade baseada en Android.

Android TV non será moi diferente de Android en esencia, mais os cambios verémolos na súa interface optimizada para as televisións e nas aplicacións, deseñadas pensando máis no mando a distancia ca nun teclado para o seu manexo. Non cabe dúbida de que YouTube, Vimeo e outra ferramentas de streaming terán gran relevancia, mais tamén plataformas de contido como Netflix, moi extendida nos Estados Unidos.

android tv 3

Entre as características destacadas, Android TV admitirá comandos de voz para o seu control, un campo no que Google está a experimentar con resultados moi positivos (léase Google Glass ou as buscas), e notificacións limitadas, para que non boten abaixo unha experiencia de usuario que queren sexa superlativa.

android tv 1

Axudarán a esta experiencia as recomendacións na pantalla de inicio, baseadas na intelixencia da compañía do buscador de aprender dos nosos hábitos de uso, ademais de permitir retomar o contido que puidéramos ter comezado a ver no smartphone ou tablet e deixáramos a medias.

android tv 4

Polo de agora non hai unha data prevista para o lanzamento dos primeiros produtos baseados en Android TV, mais tendo relativamente preto a conferencia de desenvolvedores Google I/O, non sería desacertado pensar nesa cita como o momento axeitado, onde tamén descubriremos toda a información sobre Android Wear.

Vía

Sobre o autor

Reply