Aló por xaneiro do 2011 coñecemos o primeiro Galaxy ACE, que por aqueles tempos podíamos situar na gama media, aínda que pouco lle durou, xa que non tardaron moito en aparecer os smartphones equipados cun procesador dual-core que melloraban notablemente o rendemento de calquera smartphone anterior. Porén, foi un éxito de vendas xa que se ofrecía a 0€ en moitos operadores ou por un prezo moi axustado.
Pois se o primeiro ACE foi un referente na gama media-baixa co paso do tempo, Samsung deixou un pouco de lado esta serie e así as sucesivas actualizacións (ACE 2 e ACE 3) defraudaron a máis dun; mesmo o ACE 3 foi escasamente comercializado no Estado español.
Nesta liña, hoxe coñecemos a última incorporación a esta liña, o ACE Style, que tivemos a ben comparar co ACE 3, comercializado hai un ano.
ACE 3 | ACE Style | |
Polgadas/Resolución/ppi | 4/480×800/233 | 4/480×800/233 |
Procesador | dual-core 1,2 ghz | dual-core 1,2 ghz |
RAM | 1 GB | 512 MB |
ROM | 8 GB | 4 GB |
Batería | 1800 mAh | 1500 mAh |
Cámaras | principal 5 mpx CON flash / dianteira VGA | principal 5 mpx SEN flash / dianteira VGA |
Versión de Android | Android 4.2 Jelly Beam | Android 4.4 Kitkat |
Conectibidade | AGPS / GLONASS / NFC / LTE 100/50 | AGPS / GLONASS / NFC / SEN LTE |
Prezo | 250 euros | 159 € (Holanda) |
Lanzamento | Xuño 2013 | Abril 2014 |
Podemos ver como recurtan claramente tanto en RAM como en ROM e capacidade da batería, chegando a cifras que se nos antollan moi xustas. É máis, o ACE Style tampouco ten conectibidade LTE nin flash posterior.
Aínda que sabemos que o hardware non o é todo, chámanos a atención a estratexia de Samsung para degradar deste xeito unha marca recoñecíbel da gama media como era a Galaxy ACE, pois aínda que Android 4.4 Kitkat garante a fuídez do sistema en dispositivos con pouca RAM, pensamos que non se comportará dun xeito óptimo cando teñamos instaladas un número normal de aplicacións.
Aínda que non temos un prezo confirmado para o noso País, en Holanda estará a 159 €, unha cifra nada atractiva se temos en conta grandes alternativas como o Moto G (175 €) ou BQ Aquaris 5 (179,90 €), dispositivos con características moi superiores a prezo semellante. Que pensades da estratexía de Samsung con estos terminais?
Tal como o comparas e tendo tan preto do prezo o Moto G, creo que este móbil só vai servir para as “ofertas” das teleoperadoras. Está claro que por 16€ merece moito máis a pena irse ó de Motorola.
Concordamos co teu plantexamento e pensamos que do mesmo xeito que ocorreu co ACE 3, non terá moita presenza no noso mercado. Pero bueno, xa o veremos 😉
Hai que dicir algo en favor do Ace e é que ten 4G, cousas que non ten nin o BQ nin o Moto G
Se falas do ACE Style non, tal e como confirmamos o novo ACE Style NON ten 4G. O ACE 3 si ten LTE, pero non chegou a todos os mercados con 4G.
Pois pareceme que non merece a pena… se non queres gastar o prezo do Moto G tamén tés um Samsung, o Trend Plus, bastante parecido a este, ainda que con Jeally Beam, pero 768 MB de RAM e cámara con flash, que non se move mal. E máis barato… 107 € en varios sitios.
Samsung fai moito iso de renovar un modelo usando a base doutro modelo, rebaixando as prestacions para así baixar os custos e que teña maior rentabilidade. Seguramente é o que pasou neste caso, de ahí que o único avance sexa que teña Kit Kat 4.4.Non sempre a actualización dun dos seus teléfonos é para melorar. Agora o Ace Style só será interesante para quen queira un teléfono intelixente, sen máis, que aquel na busca de mellores prestaciones terá mellores propostas noutros fabricantes e polo mesmo precio.