Tras o anuncio de Android Wear, LG e Motorola preanunciaron sendos reloxos intelixentes que estrearán esta nova versión do noso sistema operativo favorito, o G Watch e o 360 respectivamente.
O reloxo do fabricante coreano, LG G Watch, apunta a ter unha pantalla IPS LCD de 1,65 polgadas (280 x 280 píxeles), 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna. Ademais, atendendo aos prototipos amosados, podería carecer de botóns físicos e conector microUSB, apuntando a unha carga a través dun cargador propietario.
Responsábeis de LG confirmaron nunha presentación de produto que o seu reloxo chegará ao Reino Unido por algo menos de 180 libras (uns 220 euros ao cambio actual), prezo semellante ao que ten o novo Gear Fit de Samsung, dispositivo que por certo vén de recibir actualización de software que corrixe a eiva que impedía ver o contido verticalmente.