Tras unha boa tempada sen ter recibido unha actualización, as Google Glass (que probamos hai unhas semanas) recibirán esta semana unha OTA que as actualizará a Android 4.4 KitKat, logo de estar empregando Ice Cream Sandwich.
Esta actualización mellorará notabelmente o funcionamento dos lentes, achegando máis autonomía e facéndoos máis estábeis e facilmente actualizábeis. Porén, tamén se incorporan novas funcionalidades, como un acceso rápido para poder responder con fotos aos Hangouts e a organización de cartafoles diarios coas imaxes e vídeos que se toman co dispositivo.
Mais esta actualización tamén elimina as videochamadas, xa que segundo os datos que manexa Google é unha funcionalidade que usa menos do 10% da xente porque “non está a altura”. Prometen que os Hangouts de vídeo volverán cando se mellore a experiencia.
Polo de agora non hai unha data para que este dispositivo saia á venda, aínda que durante o día de hoxe ábrese a tenda para que calquera residente en USA poida facerse cunhas sen convite previo, aínda que o número é limitado.