Google Glass e Galego: última información confirmada

google glass vigo

Tal e como anunciamos hai uns días, esta semana temos a visita de Andreu Ibañez, de Mundo Glass, no noso País, con presenza en diversos actos públicos.

Froito desta visita, e a partir dun teletipo dunha axencia de novas, diversos medios de comunicación do País, entre eles La Voz de Galicia, fan especial fincapé en que se asegurou que “cando cheguen a España estará cen por cen preparadas para a súa configuración en galego”, ademais de asegurar que “axiña” teremos información sobre a súa posta á venda en diversos lugares, nomeadamente no Estado español.

Sorprendidos pola nova, desde Mallando no Android puxémonos en contacto cos responsábeis de Google España para que nos aclarasen a información. E malia que nos encantaría poder celebrar esta nova, lamentabelmente a información publicada semella non ser correcta. Desde Google aseguráronnos que na axenda actual do Google I/O (aínda pode mudar de aquí a a xuño) non está previsto anunciar a posta á venda das Google Glass no noso País, e moito menos que entendan o galego ou que isto estea previsto para datas próximas.

Como comentamos hai uns meses, Google incorpora novas linguas aos seus servizos de forma paulatina, comezando polo inglés. Neste senso, aínda que nun futuro dispositivos como as Google Glass ou outros wearables que empreguen Android en calquera das súas variantes entenderán o galego, polo de agora só funcionan en inglés, como puidemos ver na nosa análise.

Sobre o autor

Reply