Deicalogo Nexus, benvido Android Silver?

google nexus

Nos últimos meses estase a falar moito da posíbel desaparición da liña de smartphones e tablets Nexus, rumores que nestas últimas datas semellan ir encamiñadas cara un novo produto, Android Silver.

Cómpre lembrarvos que Nexus representa  unha saga de dispositivos fabricadas por un terceiro para Google no que o sistema operativo elixido é unha versión stock ou pura de Android, sen capas de personalización, o que aporta gran fluidez ao sistema, ademais de actualizacións case inmediatas debido á relación directa con Google.

Pois ben, semella que a intención de Google é mudar un pouco de estratexia e este ano sería o último no que teríamos trebellos Nexus, pasando a potenciar a liña Android Silver, algo moi semellante aos actuais “Google Play Edition” (de aquí endiante, GPE). Trátase de edicións especiais de terminais de diversos fabricantes (como o HTC One ou o Samsung Galaxy S4) que se poñen á venda con Android puro, sen personalizacións.

gs4-one-google-play-edition-verge-01-hero

Polo de agora, os GPE só están á venda nos Estados Unidos e non son coñecidos polo gran público, algo que sumado a un prezo pouco acaído fai que non sexan dispositivos de grande éxito.

Daquela, que é Android Silver? A falta de confirmación por parte de Google, poderíamos dicir que Android Silver sería como o programa GPE con algunha que outra mellora, sobre todo en temas de distribución, onde se chegaría a acordos coas operadoras. Polo de agora os Nexus e os GPE son comercializados maioritariamente a través da Play Store, aínda que con Android Silver isto mudaría, ademais de poder ter certa subvención para baixar prezos a “nível Nexus”.

E falando de prezos, este é un punto a ter moi en conta, xa que a saga Nexus destacou, sobre todo nos últimos anos, por ter un hardware capaz de competir cos tope de gama a prezo de gama media, co que foron dispositivos cunha altísima demanda. Xa que logo, entendemos que a estretexia de Google para potenciar os novos terminais Android Silver debería pasar por apostar por prezos baixos.

moto g google play

Outro punto importante nesta nova é que sería posíbel, a diferenza dos Nexus, que os Android Silver vaian dirixidos non só a terminais de gama alta, senón tamén ás gamas medias. Un exemplo actual podería ser atoparmos no mercado un S4 Mini (con TouchWiz) e un hipotético “S4 Mini Android Silver” (Android puro). Quizais o exitoso Moto G, do que tamén hai unha versión GPE, foi un experimento para probar como funciona Android stock en gamas intermedias.

Acabar coa saga Nexus e todo o que representa é unha aposta arriscada por todo o que vén representando no mundo Android; non cabe outra que agardar que movemento fai Google para comprobarmos se o modelo Android Silver axuda a potenciar a diversidade de terminais con Android puro ou se limita as opcións para o usuario final.

Que credes vós? Preferides dispositivos de gama alta coas capas de personalización do fabricante ou a súa versión Android Silver?

Sobre o autor

No Responses

Reply