Tras o preanuncio de hai uns días, a nova aplicación de Foursquare xa está aquí. Falamos de Swarm, o novo espazo no que compartir a nosa ubicación coas amizades que tamén introduce novos conceptos e regras do xogo para, segundo din, mellorar a parte de gamificación.
Segundo apuntan desde Foursquare, cando non había moitos usuarios o sistema de alcaldías funcionaba ben, pois alimentaba a competitividade. Porén, co número de usuarios actuais (e os trampulleiros), tentar reinar nun venue pode chegar a ser misión imposíbel, polo que tiveron que pensar en novos métodos.
Así xurden as alcaldías 2.0, unha das principais novidades que introduce Swarm. Desde agora, un venue pode ter múltiples alcaldes, un por cada grupo de amigos, o que se traduce en que se somos os que máis veces fomos a un determinado lugar nos últimos dous meses, teremos o liderado dese sitio en cuestión.
O sistema de localización en Swarm seguirá baseándose nos checkins, aínda que tamén compartiremos de forma pasiva a nosa ubicación aproximada cos amigos, aínda que non fagamos checkin, co fin de saber se andamos pola mesma zona. En calquera momento podemos apagar isto para manternos agochados se non nos interesa que nos teñan localizados.
Swarm pretende aumentar a iteración cos nosos contactos, de tal xeito que podemos anunciar plans ao aire localizados, do estilo “quen se apunta a unha cervexas esta noite?”, que poderán ver os amigos que se atopen na zona.
E que vai ser de Foursquare? Pois para descubrirmos a totalidade do que están preparando teremos que agardar até o verán, que será cando lancen de novo a aplicación que pretende ser unha completa guía de lugares, aproveitando os tips que os usuarios imos deixando. Iso si, semella que os badges seguirán tendo importancia, polo que en parte conservará a súa esencia.
Podedes descargar Swarm de xeito gratuíto desde a Play Store.