O Google I/O 2014, o evento de desenvolvedores que se celebrará os días 25 e 26 de xuño en San Francisco, xa ten axenda de eventos, un total de 69 talleres e keynotes nos que coñeceremos as intencións da compañía do buscador para as próximas datas.
Entre todos eles destacan a What’s New in Android, onde se podería anunciar algunha pequena actualización do sistema operativo, novos trebellos e a nova interface Hera, da que xa temos falado polo blog. Por suposto, as Google Glass serán as protagonistas dunha das conferencias, o mesmo que o recén presentado Android Wear e o Chromecast. A robótica tamén terá o seu oco, con toda lóxica logo da adquisición de diversas compañías desta índole.
A cita deste ano é especialmente importante, pois podería darse acoñecer a data de saída á venda das Google Glass, ademais de artellar novos usos para Android Wear.
Pódese consultar a axenda completa nesta ligazón.