Desde que Samsung presentou o Galaxy S5 o pasado mes de febreiro, sabiamos que chegarían 3 modelos derivados deste: a versión Mini, o Zoom e o resistente. A versión pensada como cámara chegaría finalmente co nome de Galaxy K, un dispositivo que xa foi presentado hai uns días, mentres que o resistente está a piques de chegar baixo o nome de Galaxy S5 Active.
A falta de confirmacións, apareceu no YouTube un vídeo dun breve hands on no que se mostra en todo o seu esplendor dando a coñecer o seu deseño e algunha das súas especificacións, ademais das agardadas resistencias á auga e ao pó.
Algunhas das especificacións que podemos confirmar é o seu procesador (un Snapdragon 801) e que virá con 2 GB de memoria RAM e cámara principal de 16 megapíxeles. É obvio que sairá con Android 4.4 KitKat e a interface TouchWiz, aínda que non se descarta que haxa sorpresas con aplicacións específicas.
Que pensades deste tipo de terminais máis duros que os habituais? Adáptanse ás vosas necesidades?