Como ben saberedes, mañá celébranse as Eleccións ao Parlamento Europeo, unha cita electoral que, sorprendentemente pola época na que estamos, non dispón de aplicación oficial para smartphones ou tablets. Porén, na Play Store atopamos algunha que outra ferramenta que nos pode axudar a seguir a xornada, aínda que de todas elas a única que nos pareceu destacábel pola súa información e posibilidades é European Elections.
A aplicación, malia a súa sinxeleza, achega bastante información arredor da figura do Parlamento Europeo (breve historia, composición, …), como tamén da propia cita electoral, recollendo tweets de candidatas, as novas de actualidade e a descrición dos partidos que se presentan en cada Estado membro xunto coa súa afiliación correspondente en partido europeo.
Durante o día de mañá, a aplicación promete dar conta dos resultados electorais, aínda que descoñecemos de que xeito, pois é unha función que non puidemos probar ao non estar aínda habilitada. O que si podemos facer agora é comprobar os resultados anteriores, organizados por estados, para facerse unha idea de como fomos evolucionando.
A aplicación é gratuíta e pódese descargar desde a Play Store.