Analizamos o LG G Flex

LG G Flex

Se hai algo no que está a destacar LG nos últimos anos é en innovación. Neste senso, a aparición do LG G2 o verán pasado supuxo un verdadeiro punto de inflexión para a esta empresa, demostrando que podían facer as cousas dun xeito diferente, algo que semella ter continuidade logo de descubrirmos onte mesmo o LG G3.

Hoxe traémosvos a nosa análise do LG G Flex, un dispositivo que non deixa indiferente a ninguén grazas a unha gran innovación, a súa pantalla curva e o seu deseño flexíbel.

Deseño, acabado e conexións

Como diciamos, non cabe dúbida que o deseño é o que máis chama a atención neste dispositivo, tan axiña como o recibimos na súa caixa. Non é o de sempre, é algo novo e rupturista e a curvatura é unha realidade na súa pantalla, que ademais é flexíbel, ao igual que parte dos seus compoñentes internos. Esta flexibilidade permite que nos poidamos sentar sobre o dispositivo sen medo de que o móbil vaia sufrir moito, independentemente do pandeiro de cada quen.

LG G Flex 2

Os acabados son plásticos e neste senso non resulta tan fermoso como o LG G2, senón que hai unha pequena involución. A súa capa traseira, autorreparábel a pequenas rabuñadas, é porén moi amiga das pegadas, polo que se queremos ter o terminal impecábel debemos andar cun trapiño a man.

Estamos a unte un dispositivo de reducidísimos marcos, o que axuda a non ter a sensación de ter un trebello grande en exceso nas mans, e altamente confortábel. Mais unha vez, temos na parte traseira os (únicos) botóns físicos (acendido e volume), xunto á cámara e flash. Na parte inferior sitúanse o microUSB, micrófono e conector jack 3.5 e na superior unicamene un micrófono cancelador de ruído.

Pantalla

A pantalla é un panel POLED (OLED plástico), tecnoloxía que permite a flexibilidade que non admite o cristal. Ten 6 polgadas cunha resolución 1280 x 720 píxeles (245 ppi), unha calidade bastante inferior ao G2 (1080 x 1920, 423 ppi), dispositivo co que comparte moitas das súas especificacións. Este é o sacrificio que temos que pagar pola curvatura, aínda que gañamos moito en experiencia visual, tanto en lectura como, e sobre todo, ao reproducir contidos multimedia.

Así mesmo, a experiencia en exteriores é inferior á que consegue este fabricante nos seus terminais; neste senso, é importante lembrarmos que LG adoita destacar no brillo das sús pantallas, dando unha gra experiencia de usuario en contornos lumínicos.

Sistema operativo

O terminal vén con Android 4.2.2 actualizóusenos a Android 4.4 KitKat e ten a capa de personalización de LG, cuxas funcionalidades son semellantes ás que vimos cando analizamos o G2, incluíndo o dobre toque para activar a pantalla. Ben é certo que algunha das iconas personalizadas polo fabricante coreano mudaron a mellor e son moito máis estéticas.

A principal novidade en canto a software está na inclusión dun modo de pantalla dividida que nos permite executar dúas aplicacións en paralelo e que podemos activar mantendo pulsado un anaco de tempo o botón atrás.

Cámara

Os sensores das cámaras son os mesmos que no LG G2, de 2,1 megapíxeles a frontal e de 13 a principal, con flash LED. Porén non incluíron o estabilizador de imaxe, unha característica que se bota en falta en escenarios con pouca luminosidade. Deixámosvos unhas mostras.

Batería

A batería ten unha capacidade de 3500 mAh, que achega unha autonomía de uso real de practicamente 2 días, bastante superior ao habitual nos smartphones que se venden hoxe en día.

Conclusións

Polas súas características, o LG G Flex é un terminal realmente potente da gama alta. Comparte co G2 o seu procesador (Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,2 GHz) e RAM (2 GB). A súa memoria interna é de 32 GB, sen posibilidade de ampliación por microSD e a pantalla ten un tamaño axeitado, aínda que unha calidade inferior á que se podería agardar dun dispositivo desta categoría.

Semella que LG quixo co G Flex sacar peito e amosar do que son capaces nun terminal que soa a produto base para futuros lanzamentos moito máis ambiciosos. Resultounos moi interesante o deseño curvado principalmente por dúas razóns: o consumo de multimedia / xogos e o uso cunha soa man, xa que a forma resulta moito máis ergonómica que se tivésemos un dispositivo co mesmo tamaño de pantalla en plano.

Malia ter saído cun PVP de 799 €, o LG G Flex pódese adquirir por algo menos de 400 euros en numerosas tendas en liña.

Sobre o autor

No Responses

Reply