Hai algún tempo Google eliminou Latitude, un servizo que nos permitía ter xeolocalizadas ás nosas amizades, previa autorización. A funcionalidade, malia ter sido transformado nalgo semellante a través de Google+, non volveu ser o mesmo. Agora Android Police preanuncia Google Nearby, unha función que chegaría durante o I/O 2014 e que se integrará en Play Services para que poidamos interactuar con outras persoas, sitios ou cousas próximas.
A idea é que Google Nearby nos avise cando esteamos preto desas persoas, cousas ou lugares que teñamos preseleccionado, aumentando as posibilidades de xeolocalización xa incluídas en servizos como Google Now, como o recordatorio de onde temos deixado o coche aparcado engadido hai unhas semanas. Pero ademais Nearby permitirá a automatización de accións, como activar / desactivar o Bluetooth ou a WiFi cando esteamos preto das nosas “redes amigas”.
Diferentes aplicacións que temos dispoñíbeis na Play Store xa permiten levar a cabo, por separado, de accións semellantes, aínda que as posibilidades serán moito maiores se se fan unificando todo nunha única ferramenta vencellada a Google Now, un dos maiores acertos de Google nos últimos tempos. Haberá que agardar (xa pouco) para que comecen as conferencias do I/O e coñecermos todo sobre isto e moitas outras cousas que marcarán o camiño do próximo ano en Android.
Que vos parece esta idea?