Asus presenta a súa nova xeración de tablets

Aproveitando a celebración de Computex, Asus vén de presentar a súa nova serie de tablets Asus MeMO Pad e Transformer Pad, que chegan con varias novidades, aínda que a máis relevante é a introdución da nova interface de usuario ASUS ZenUI que, como se pode ver no vídeo que abre o artigo, cambia bastante a apariencia e permite levar a cabo unha chea de accións.

Mais as novas tablets de Asus tamén estrean procesadores Intel Atom de 64 bits que permiten sacarlle todo o proveito a unha gama de dispositivos de prezos contidos e con Android 4.4 KitKat.

asus

A serie Asus MeMO Pad chega con 2 tamaños, 7 e 8 polgadas, aínda que en ambos casos a resolución é a mesma: 1280 x 800 píxeles. O resto de especificacións apenas varía entre elas e onde atopamos diferenzas é na resolución das súas cámaras (0,3 e 2 megapíxeles, no caso da de 7 polgadas, 2 e 5 na de 8) e na duración das súas baterías.

En canto a dispoñibilidade, a de 8 polgadas chegará nun total de catro  cores (branco, negro, dourado e lilá), mentres que a de 7 chegará en cinco (branco, negro, azul, vermello e amarelo). Poderemos mercalas nos próximos días por 199 e 149 €, respectivamente.

Pola súa banda, a Asus Transformer Pad vén con procesador de catro núcleos a 1,86 GHz e pantalla de 10,1 polgadas (1280 x 800 píxeles) cun ángulo de visión de 170º. Mais, novamente, o elemento diferenciador é a súa compatibilidade co teclado accesorio, que estrea novo deseño máis compacto e que oculta a bisagra.

Estará dispoñíbel en branco ou negro a finais deste mes por 249 € ou 299 € no caso de mercala conxuntamente co dock.

Sobre o autor

Reply