Analizamos o Samsung Galaxy S5

galaxy s5 pegada frontal

Malia as ducias de smartphones que ten Samsung no mercado, se hai dous terminais da compañía que merecen especial atención son os das liñas Galaxy S e Galaxy Note. Durante o Mobile World Congress deste ano puidemos descubrir o Galaxy S5, un dispositivo que chegou en medio de grandes espectativas. Cumpriunas ou foi máis do mesmo? Nesta análise propoñémonos dar resposta a esta pregunta.

Deseño, acabado e conexións

Aínda que non estamos ante un cambio de deseño radical, no novo Galaxy S5 introdúcense novos acabados que, sen fuxir do plásitco, achegan sensacións visuais e ao tacto dunha maior calidade e durabilidade, sen aumentar o peso. Así mesmo, tamén é resistente á auga segundo a normativa IP67, malia non ser un terminal unibody, xa que a súa tapa posterior é extraíbel. Tras ela atópanse detalles como o lector de microSIM compartindo espazo co lector de tarxetas microSD que nos permite ampliar notabelmente a capacidade interna do dispositivo.

galaxy s5 sim

Na parte frontal do dispositivo temos o botón central físico de inicio que caracteriza a Samsung, un elemento que a meirande parte dos fabricantes foron abandonando tras a recomendación de Google de integrar botoneiras físicas. En calquera caso, neste terminal está xustificado, xa que é un lector de pegadas dixitais que nos servirá, entre outras cousas, para poder desbloquear o teléfono. Na parte superior desta cara frontal temos unha cámara e os sensores de proximidade, xunto ao nome da fabricante.

galaxy s5 pegada dixital

Facendo un percorrido polos seus marcos laterais atopámonos os botóns de volume no lado esquerdo, o de acendido no dereito e o conector jack 3.5 na parte superior, onde tamén está o sensor de infravermellos. Na parte inferior, agochado por unha tapa un tanto incómoda de recolocar, o conector microUSB.

galaxy s5 tapa

Na parte posterior do teléfono temos a cámara, e xunto ao seu fash LED un lector de pulso que nos servirá para contar as pulsacións cada vez que queiramos, algo que vén ligado ás aplicacións de saúde S Health e os complementos wearables que está a desenvolver a compañía (liña Gear).

galaxy s5 sensor pulso

Pantalla

A pantalla do Samsung Galaxy S5 é de 5,1 polgadas. Trátase dun panel SuperAMOLED con protección Gorilla Glass 3 e resolución 1080 x 1920 píxeles (432 píxeles por polgada). Unha vez máis o fabricante coreano sorpréndenos cunha pantalla cun brillo e un contraste superlativo, que ofrece unha experiencia de usuario moi positiva, mesmo en condicións lumínicas adversas.

galaxy s5 pantalla

Sistema operativo

O Galaxy S5 saíu á venda con Android 4.4.2 KitKat e está previsto que reciba a actualización a 4.4.3 nos próximos días. Por suposto, trae TouchWiz, a interface do fabricante coreano, que este ano vén con novos botóns de axustes, moito máis atractivos que nas versións anteriores, así como tamén cunha nova organización dos mesmos.

redes

A barra de notificacións permite alternar entre un menú simplificado ou completo, con acceso directo a unha chea de opcións, como xestión das conexións, modos de aforro de enerxía ou bloqueos. Pola súa banda, o renovado menú de axustes integra un buscador que axiliza o proceso de atopar o que buscamos no mesmo.

En canto á organización de aplicacións, admite a creación de cartafoles tamén dentro do menú, unha función que nos axuda a ter todo máis organizado. Non é tan positivo que só permita 4 columnas nas pantallas principais, pois cunha pantalla tan grande dá a sensación de ter pouco aproveitado o espazo.

s health

Entre as aplicacións específicas chamounos a atención o renovado S Health, a ferramenta que teremos que empregar para ler o noso pulso, e coa que poderemos levar o control da nosa actividade física e do que comemos. Do mesmo xeito, tamén cómpre destacar o modo nenos, que transforma o noso smartphone nun aparello simplificado pensado para os pícaros, incluíndo apliccións específicas e control parental para que non faga ningunha trasnada 😉

modo nenos

Cámara

A cámara é outro dos aspectos máis destacados dos S5. Como xa temos comentado noutras ocasións, máis megapíxeles non é sinónimo de maior calidade, senón que hai moitos outros aspectos que fan que as imaxes sexan mellores ou peores, entre elas, o seu postprocesado.

galaxy s5 pegada traseira

Desta vez Samsung escolleu un sensor propio de 16 polgadas para a cámara principal e de 2 para a frontal, fuxindo de Sony, anterior proveedor destas. Destaca a cantidade de modos que se poden empregar (mesmo se poden descargar modos adicionais) para sacar imaxes perfectas. Seguramente o máis destacado sexa enfoque selectivo, mais tamén e de relevancia “percorrido virtual”, que nos permite facer unhas especie de “Street View caseiro” mentres imos percorrendo un espazo.

camara interface

O modo nenos que comentabamos antes tamén ten acceso á camara, aínda que como podedes ver na seguinte imaxe, a súa interface é infinitamente máis minimalista.

camara modo nenos

Deixámosvos algunhas mostras de fotos tomadas co Galaxy S5 en diferentes condicións. Podedes ver o álbume completo no noso perfil de Flickr.

Batería

A batería do S5, a diferenza do que estamos a ver na práctica totalidade dos dispositivos de gama alta, é extraíbel, polo que poderemos mudala ante calquera sígno de deterioro. Ten unha capacidade de 2800 mAh e ofrece unha autonomía que varía entre un día se estamos moito enriba del, puidendo chegar a dous nesas ocasións en que deixamos o móbil algo de lado.

galaxy s5 bateria

Gustounos moito o modo de aforro de enerxía que implementa, chamado “modo ultraahorro de energía“, o mellor que vimos até o de agora nun smartphone. Grazas a el podemos multiplicar a duración da batería en varios días, deixando activas só as aplicacións que queremos ter dispoñíbeis (por exemplo redes sociais ou mensaxería) e mudando a pantalla a branco e negro. Co 55% a duración da mesma chega aos 6,8 días.

Conclusións

As especificacións hardware do terminal (procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,5 GHz, 2 GB de RAM) xa nos sitúan na gama alta de Android, non atopando moitas diferenzas co que ofrece a competencia. O terminal móvese moi fluído e pode con calquera aplicación ou xogo que lle botemos, aínda que ten certo lag ao abrir a galería.

Trátase dun dispositivo que cumpre de sobras coas espectativas e achega un importante esforzo pola experiencia de usuario, diferenciándose de Android estándar para ter a súa propia identidade, aínda que tamén pode botar para atrás a usuarios que non queiran ter instaladas aplicacións que non usan.

En calquera caso, o Galaxy S5 é un dos candidatos que compiten por ser o móbil do ano. Podemos atopalo por uns 500 € en numerosas tendas en liña, así como tamén a través dos programas de financiamento de moitos operadores.

Sobre o autor

No Responses

Reply