Anuncios e mellores momentos do Google I/O ao longo da historia

google io

Para inaugurar a semana do Google I/O, onte falabamos dos agasallos que foron recibindo os asistentes nas diferentes edicións. No día de hoxe queremos facer unha recopilación dos principais anuncios que se fixeron ao longo da historia deste evento de desenvolvedores. Lembrarédelos todos?

2008 (28-29 de maio)

No evento inaugural as diferentes conferencias estiveron focalizadas en OpenSocial, App Engine, Bionic libc e a API de Google Maps, servizo que naquel momento tiña apenas 3 anos de vida, aínda que xa apuntaba maneiras ao que é hoxe. De todas as conferencias destaca Anatomy and Physiology of an Android, 54 minutos de vídeo que dan unha idea de como evolucionou Android en todos estes anos.

2009 (27-28 maio)

Tan só un ano bastaría para que as cousas se puxeran moito máis interesantes no panorama Android, que centraría boa parte desta edición. Tamén tivo un papel importante  Chrome, ademais dos clásicos App Engine, Google Web Toolkit, OpenSocial e as APIs de Google AJAX. En canto a presentacións, nese I/O veu a luz Google Wave (DEP), que agora fica integrado dalgunha maneira en Drive.

2010 (19-20 de maio)

No 2010 Android e Chrome volveron monopolizar as conferencias do Google I/O, xunto a Google TV, como unha das principais novidades. App Engine e as APIs do buscador volveron ter o seu espazo, aínda que sen demasiadas novidades reseñábeis.

2011 (10-11 de maio)

A cita do 2011 foi un tanto especial, xa que por vez primeira Google presentou hardware: aló chegaron os novos Chromebooks de Samsung e Acer, polo que, como podedes imaxinar, ChromeOS tivo gran relevancia nesta cita. Máis centrados en Android, no I/O dese ano chegou Google Music, un servizo que nacía para competir con Spotify (e sobre todo con Amazon Cloud Player) que hoxe en día está integrado na tenda Google Play, xunto coas aplicacións, xogos, libros e películas. Tamén se presentou Ice Cream Sandwich, a versión de Android que uniría Gingerbread (smartphones) e Honeycomb (tablets), sentando os alicerces da experiencia Android que hoxe disfrutamos.

2012 (27-29 de xuño)

No 2012 ampliouse a 3 días a duración do evento. A keynote inaugural sentou un antes e un despois, xa que nela houbo unha espectacular demostración das Google Glass que todo o mundo debe visionar para darse conta da magnitude tecnolóxica. A cita serviu tamén para presentar Android 4.1 Jelly Bean, co que chegou o asistente Google Now, hoxe en día unha das principais liñas de traballo da compañía, e diverso hardware, como a tablet Nexus 7 ou o centro multimedia Nexus Q.

2013 (15-17 de maio)

No 2013 o Google I/O tamén durou 3 días e, como curiosidade, cómpre sinalar que se habilitaron minidrones no interior que gravaban o evento a vista de paxaro, retransmitíndoo en directo a través nunha web destinada a tal fin.

Entre os anuncios realizados neses días, Google Music ampliu os seus servizos con Google Play Music All Access, e Google+ sufriu un importante redeseño con melloras nos axustes fotográficos. Tamén se presentou Google Play Games e Google Play for Education.

O hardware tivo nesta ocasión pouca importancia; case pasando de refilón anunciouse o Samsung Galaxy S4 Google Edition, un Galaxy S4 con Android stock, que sería o primeiro de varios dispositivos non Nexus con Android de fábrica que virían despois.

 2014 (25-26 de xuño)

Que pasará mañá e pasado? Non queda nada para sabelo e, lonxe de botarnos a adeviñar, cremos que o máis sensato e sentarnos e agardar a ver que nos depara a keynote. Nós témoslle moitas ganas, e vós?

Sobre o autor

Reply