Durante o MWC Nokia presentou os seus primeiros terminais con Android, a serie X, que agora incorporan un novo membro tras ser dado a coñecer o Nokia X2.
Este trebello incorpora unha pantalla Clearblack LCD IPS de 4,3 polgadas cunha resolución 480 x 800, procesador Qualcomm Snapdragon 200 de dobre núcleo a 1,2 GHz, 1 GB de memoria RAM, 4 GB de almacenamento interno (ampliábeis), cámaras de 5 megapíxeles e VGA (traseira e frontal, respectivamente) e batería de 1800 mAh.
En canto ao sistema operativo volven apostar por un fork de Android, como no Nokia X que analizamos hai unhas semanas, o que inclúe os servizos de Microsoft e Nokia, como Here Maps. Iso si, pode correr calquera aplicación Android, aínda que non integrará a Play Store (imaxinamos que non ha tardar moito en saberse algún método de rooteo para poder instalarlla manualmente).
O Nokia X2 xa está dispoñíbel en diversos países en diversas cores (verde, laranxa, negro…) por 99 €, impostos á parte.
Que vos parecen os trebellos Android de Nokia? Son unha boa alternativa para a gama baixa Android?