Ademais de dar a coñecer algúns detalles da nova versión de Android L e de Android Wear, Google non quixo deixar pasar a oportunidade de presentar Android Auto, que como o seu propio nome indica, é Android para os automóbiles e ten moito que ver coa Open Automotive Alliance da que falamos meses atrás.
A intención da compañía Gran G é que os nosos coches sexan unha extensión máis da experiencia Android e da conectividade, integrando funcionalidades de GPS, mans libres e centro multimedia. Terán gran importancia as aplicacións de xestión de contidos, como Spotify ou Play Music, así como os mapas de Google Maps e as funcionalidades de busca por voz.
Google non está só neste proxecto, que conta con máis de 40 partners, aínda que sen lugar a dúbidas os máis destacados son os fabricantes de automóbiles, pezas imprescindíbeis para que vaia adiante. Como podedes ver na seguinte imaxe, están todos os principais.
Agárdase que Android Auto chegue a finais de ano. Que tal pinta vos ten?