Analizamos o sistema de fogar intelixente Archos Smart Home

Hai apenas un par de semanas Google anunciou no I/O unha auténtica revolución para todas as pantallas que nos rodean. E é que Android xa está preparado para satisfacer todas as nosas necesidades multimedia, e un exemplo claro é o sistema Archos Smart Home que hoxe traemos para analizar.

archos panel

Trátase dun completo set de aparellos que, conectados a unha tablet que fai de centro de control, permiten convertir a nosa casa nun fogar intelixente sen termos que facer unha gran inversión nin instalacións. O pack inicial, que custa 229 euros, inclúe a tablet Archos Smart Home Tablet, 2 etiquetas meteorolóxicas, 2 sensores de movemento e 2 min webcams, aínda que existen outros accesorios que podemos ir mercando para multiplicar as posibilidades.

Vexamos un pouco máis polo miúdo que é cada cousa.

A Archos Smart Home Tablet

A tablet é diferente a calquera outra no mercado, tendo unha apariencia que nos lembra máis aos marcos dixitais. Está pensada para ter sobre unha mesiña de maneira permanente, pois o seu deseño non a fai especialmente cómoda para traballar con ela suxeita nas mans.

archos traseira

Na parte superior ten un gran botón de acendido, mentres que na abultada parte traseira están situados os altofalantes e diversos conectores, como a ranura para tarxetas microSD, o microUSB, un punto de corrente ou o jack 3.5 de audio.

Falando das súas especificacións, incorpora unha pantalla de 7 polgadas, con resolución 1024 x 600 píxeles e uns acabados que dan unha sensación inicial de non fluídez, aínda que logo na práctica a experiencia mellora. O procesador é un dual core a 1,2 GHz, con 1 GB de RAM, 4 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 64 GB e unha cámara frontal de 5 megapíxeles. Neste senso é unha tablet normaliña, non destaca sobre calquera outra de baixo custo, mais para as funcións que vai realizar son máis ca abondas.

Vén con Android 4.2.2, versión stock, aínda que trae precargadas algunhas aplicacións propias, como a que xestiona todo o sistema.

Mini Cam

mini camara

As Mini Cam con realmente diminutas e discretas. Contan cun diámetro de apenas 4 cm e a súa carcasa (en parte) metálica xunto co imán do seu soporte fan que poidan orientarse case en calquera dirección. Funcionan grazas a 3 pilas tipo CR2450 e a súa calidade é xusta, VGA con resolución 640 x 480. Porén, cremos que é máis ca abonda se temos en conta que imos tomar imaxes a pouca distancia.

Sensores de movemento

sensor movemento

Pola súa banda, os sensores de movemento son de contacto magnético e no seu interior están equipados cun acelerómetro. Integra unha única pila tipo CR2430 e as súas dimensións son minúsculas, quedando nos 36 x 36 x 15 mm.

Sensores de temperatura

Finalmente, os sensores de temperatura veñen programados para traballar entre os -10 e os 50 ºC, cunha marxe de erro de +/- 0.3 ºC. Así mesmo, serven de sensores de humidade, variando entre 0 e 100 %, cunha resolución dun punto porcentual. A cápsula na que temos estes sensores é idéntica á dos sensores de movemento.

Todos estes gadgets accesorios conéctanse coa tablet a través de Bluetooth, aínda que unha versión modificada pola propia Archos que consegue unhas distancias de conexión de 20 metros. Para as nosas probas non usamos máis de 15 metros, e neste sentido non tivemos problema algún e todo funciouno como era de agardar.

Funcionamento

O funcionamento do sistema é extremadamente sinxelo unha vez que o temos configurado. Non quere dicir isto que sexa lioso o proceso de configuración, mais leva algo de tempo se o queremos deixar con xeito.

archos panel 2

O primeiro que debemos facer é abrir a aplicación Archos Smart Home e especificar as habitacións nas que colocaremos os diferentes accesorios. Feito isto, pediranos que seleccionemos que dispositivos queremos configurar, para logo irnos explicando que pasos debemos seguir para que sincronicen.

Cando teñamos todo isto feito, desde a aplicación – panel de control poderemos acceder aos dispositivos, vendo un histórico de imaxes, caso das cámaras, condicións meteorolóxicas ou movementos rexistrados nun determinado lugar.

archos temperatura

As posibilidades aumentan se temos en conta que podemos instalar a aplicación Archos Smart Home noutros trebellos Android, como o noso smartphone. Así, poderemos acceder en todo momento ao sistema para ver que acontece na nosa casa e mesmo tomar algunha que outra decisión.

archos apps

Conclusións

Como diciamos ao comezo do artigo, o sistema Archos Smart Home está pensado para quen busque crear un entorno controlado e intelixente dentro do seu fogar sen complicarse a vida con cableados, instalacións liosas ou gastos excesivos. Ocórrensenos centos de ideas para darlle uso, como control das habitacións nas que temos o noso bebé ou mesmo por seguridade.

O pack inicial é abondo para xogar un pouco e ver como vai todo o sistema, aínda que se de verdade queremos sacarlle todo o partido debemos facernos con algún accesorio adicional, como o enchufe intelixente, ou máis cámaras para ter noutras habitacións.

Como punto a mellorar, cremos que deberían ofrecer accesorios con maiores calidades para quen precise algo máis completo, como cámaras de maior resolución. Así mesmo, tamén cremos que a tablet, pola súa forma, queda algo infrautilizada, posto que non nos permite sacarlle todas as posibilidades que podería ter polas súas especificacións.

Con todo, e como conclusión final, consideramos que é unha boa aproximación aos fogares conectados de baixo custo.

Sobre o autor

3 Comments

  1. carlos 8 Xullo, 2014 Responder
    • Iago Varela Martínez 8 Xullo, 2014 Responder
  2. carlos 8 Xullo, 2014 Responder

Reply