Coas novas Galaxy Tab S, Samsung quere ir un paso máis aló cunhas tablets que combinan o mellor en especificacións técnicas cun deseño coidado, situándose nunha gama premium á altura das necesidades máis exixentes.
Tras desvelar os seus prezos e aproveitando a súa posta á venda no noso País o pasado sábado, Samsung anunciou que ademais do que xa sabiamos os novos trebellos veñen cunha completa gama de software premium e contidos accesíbeis sen custo, que teñen como obxectivo enriquecer a experiencia das e dos usuarios.
Algunhas das referencias máis destacadas son:
- Marvel Unlimited: acceso durante 3 meses ao catálogo de comics de Marvel, con máis de 15.000 títulos
- Livesport: 6 meses de acceso premium para consumir contidos deportivos en streaming ou baixo demanda.
- Xogos: contidos exclusivos en Cut The Rope 2, Asphalt 8 e Fruit Ninja
- Wuaki.tv: acceso a máis de 5000 filmes en alta definición con versión orixinal.
- Revistas: Vogue e GQ.
- Ferramentas de sincronización: SideSync 3.0, que permite compartir pantallas e ventás entre dispositivos.
- Ofimática: Hancom Office, que permite editar e visualizar ducias de tipos de documentos.
- Contidos da Play Store: varios filmes (como Gravity) e libros gratuítos a través da Google Play Store
- Outros
Así mesmo, até o 31 de agosto tamén estará dispoñíbel de xeito gratuíto a aplicación Second Canvas do Museo del Prado, que permite disfrutar dun total de 14 obras de arte con tecnoloxía Gigapixel. Isto achega unha experiencia diferente para as e os amantes da arte, xa que con ela pódese facer super-zoom para descubrir detalles ocultos a simple vista nas obras, ou fedellar cos formatos de raios X e ultravioleta para ver os debuxos agochados tras a pintura.