Como bos frikiños que somos, encántanos calquera xoguete ou gadget que poida sacar máis partido aos nosos smartphones ou tablets Android. E os novos MiniDrones de Parrot non ían ser menos. Falamos do Rolling Spider e o Jumping Sumo, dous dispositivos que foron presentados no CES de Las Vegas e que por fin se anuncian no noso País.
O Rolling Spider é un drone voador compacto e áxil, capaz de voar tanto en interior como en exterior, así como tamén facer pinchacarneiros ou rodar por paredes e teitos grazas ás súas rodas extraíbeis.
Por outra banda, o Jumping Sumo é un xoguete capaz de acadar bastante velocidade nas súas grandes rodas, coas que pode facer círculos, zigzaguear e saltar até 80 cm. Nin tan mal, ou?
O Jumping Sumo ten ademais unha cámara coa que poder gravar ou ver en directo no noso smartphone por onde anda. A súa batería promete 20 minutos de xogos, fronte aos 8 do minidrone voador.
Ambos os dous estarán dispoñíbeis en setembro e poderanse mercar en Media Markt, El Corte Inglés, Fnac, Toys ‘R us, Worten, Amazon, Crystal Media, Juguetrónica e K-Tuin. O Rolling Spider ten un PVP de 99 euros; o Jumping Sumo, 159 €.