Xa non é a primeira vez que tratamos o tema de Android e os virus no blog, unha cuestión que reaparece con certa regularidade e que na práctica totalidade dos casos acaba resultando unha patraña de desenvolvedores para ganar cota de mercado en aplicacións innecesarias. É o que sostén o xefe de seguridade de Google, quen falou do tema nun xornal australiano.
Adrian Ludwig asegurou que no 99% dos casos este tipo de aplicacións resultan totalmente innecesarias, xa que Android é un sistema seguro. A Play Store aloxa aplicacións que teñen sido revisadas, polo que toda e canta aplicación instalemos desde esa fonte pode considerarse, a priori, segura.
Así mesmo, Google establece sistemas de seguridade adicional, como a revisión de aplicacións xa instaladas, que ten como obxectivo evitar a infección por aplicacións que puidéramos instalar desde fóra da tenda de Google. Do mesmo xeito, os usuarios podemos bloquear a instalación de ficheiros apk (aplicacións), evitando que se nos instale nada que non queiramos, opción que por certo xa vén desactivada de fábrica.
Algunha vez tivestes problemas de seguridade nos vosos Android?