Analizamos o Moto E, o mellor terminal para iniciarse en Android

moto e vs moto g

A estas alturas falar do ben que o está a facer Motorola coas gamas media e baixa é redundante. Pero é certo. Tanto o Moto G como o Moto E son terminais recomendadísimos, quizais non tanto o Moto X, que é un gran terminal, si, pero escapa un pouco do prezo Motorola dos outros dous dispositivos.

Hoxe traémosvos a análise do Moto E (por certo, aínda estades a tempo de facervos cun se participades no noso concurso, que remata mañá), o máis básico da saga.

Deseño, acabado e conexións

A primeira impresión que un ten cando colle na man o Moto E é a sensación de estar ante un móbil tremendamente compacto, a persar de que é un trebello que permite desmontar a súa carcasa traseira, onde agocha a batería (iso si, non extraíbel) e as ranuras da tarxeta microSIM e microSD, para ampliar a memoria.

moto e traseira

O dispositivo adáptase moi ben ś nosas mans e os botóns de acendido e de volume, situados na marxe dereita, quedan moi cómodos para manexalo cunha única man. Na parte inferior atopamos o conector microUSB a través do cal poderemos cargar o trebello ou transferir arquivos de todo tipo, mentres que na superior temos o conector jack 3.5 de audio e un micrófono cancelador de ruído. Na parte traseira unicamente aparece a cámara.

Pantalla

Aínda que nos últimos tempos é habitual termos terminais de gama media – baixa con pantallas por riba das 4 polgadas, poucas son da calidade desta. O Moto E incorpora un panel qHD de 4,3 polgadas cunha densidade de 256 ppp. Aínda que non estamos a falar da mellor pantalla nestes tamaños (pensemos por exemplo na do Compact de Sony, un gama alta), a boa combinación co brillo fan que teñamos unha experiencia moi positiva en practicamente calquera ambiente.

Sumado a isto, hai que engadir as sensacións táctiles: e é que a pantalla do Moto E resulta tremendamente suave, polo que non temas esa sensación de aspereza, lentitude ou falta de fluídez que ás veces teñen os trebellos por baixo dos 150 euros.

Sistema operativo

O sistema operativo é un dos aspectos máis destacados deste trebello, pois vén con Android stock, é dicir, sen apenas personalizacións. Con isto conséguese unha experiencia de usuario superior (xa que non temos capas de personalización que ralentizan o terminal) e uns tempos de actualización practicamente inexistentes cos que Motorola está a cumrpir. Á hora de probalo estaba en Android 4.4.2 KitKat, aínda que xa está comezándose a liberar a actualización á última versión.

Con isto non só temos a experiencia Nexus que tanto nos gusta, senón que ademais atopamos con que se consegue uns rendementos dificilmente conseguíbeis por outros trebellos da mesma categoría. Non nos enganemos, o hardware do Moto E é de calidade, e a optimización co software está moi conseguida.

Cámara

Chegamos á cámara e chegamos ao que seguramente sexa o dispositivo máis mellorábel. Incorpora un sensor de 5 megapíxeles e na súa contra xoga a falta de flash para os ambientes máis escuros e, sobre todo, a falta de enfoque selectivo, que botamos en falta cando queremos facer macro.

Non nos imos centrar en fotos de planos xerais, onde responde sen problema, mais é en proximidade onde os resultados non son todo o bos que deberían, como podemos apreciar nas seguintes imaxes:

Con todo, dispón de opcións como HDR ou panorámica que funcionan bastante ben e, sobre todo, con moita velocidade.

Batería

A batería é de 1980 mAh, como dixemos antes, non extraíbel. Con ela conséguese aproximadamente día e medio de uso, algo por riba da media dos smartphones, pero tampouco nada destacábel en exceso.

Conclusións

Malia ter unhas especificacións modestas (Procesador dual core a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, 4 GB de memoria interna…), estamos a falar dun terminal sen rival na gama de entrada. O bo traballo feito por Motorola na optimización hardware – software consegue unha experiencia de usuario sobresaínte, deixando só como aspecto a mellorar a súa cámara.

Con todo, o seu PVP (119 €) fan que o Moto E sexa a mellor opción para usuarios que se inician con Android ou persoas que precisan dispositivos que cumpran ben sen ter que deixarse moitos cartos. Para quen prefira algo máis, a opción xa sería o Moto G, que supón un salto importante por 60 € máis.

Lembra que até mañá, domingo 20, podes participar no noso concurso e levar totalmente gratis un Moto E con dúas carcasas.

Sobre o autor

No Responses

Reply