Google contrata a GeoHot. Quen é este rapaz?

geohot

Esta semana Google perdeu a Babak Parviz, creador das Google Glass. Porén, a Gran G tamén fixo unha gran fichaxe contratando a George Hotz (a.k.a geohot), que se suma á recente contratación de Alan Mulally, quen fora CEO de Ford.

Desde un punto de vista menos comercial e máis de produto, queremos centrarnos en geohot. Este hacker nado en 1989 fíxose famoso tras desbloquear o primeiro iPhone, un mérito que lle serviu para gañar o recoñecemento da comunidade e da propia Apple. Anos máis tarde tamén foi quen de vulnerar a seguridade da Playstation 3 de Sony. Porén, a compañía nipona denunciouno, unha lea xudicial que rematou con George pedindo doazóns aos seus seguidores para facer fronte á súa defensa e á multa imposta de 10.000 dólares, que acabaron sendo doados á Electronic Frontier Foundation. No 2011 foi contratado por Facebook para formar parte do equipo de traballo que desenvolveu a aplicación da rede social para Facebook.

GeoHot

A súa relación con Google comezou tempo atrás, tras dar a coñecer un erro importante na seguridade do navegador Chrome. Con esta fazaña recibiu 150.000 dólares, recompensa que ofrecía a compañía de Mountain View para este tipo de fitos. A súa contratación dada a coñecer estes días implica a incorporación do hacker ao chamado Project Zero, un equipo do departamento de seguridade de Google que se encarga de detectar e resolver bugs nas ferramentas máis importantes de Google.

George non é o primeiro hacker contratado por Google, unha práctica habitual nas compañías tecnolóxicas. A empresa estadounidense tamén ten nas súas filas a Parisa Tabriz, máis coñecida como “princesa seguridade”, quen ten o cometido de pensar coma un criminal e atacar a diario diferentes puntos da compañía para descubrir calquera tipo de fallo. Segundo afirmou recentemente Chris Evans, a persoa ao cargo de Project Zero, o equipo de hackers que traballan en Google ten como obxectivo reducir o número de persoas danadas polos ataques informáticos.

Vía

Sobre o autor

Reply