Xiaomi é deses fabricantes chineses que causan admiración en cada terminal que presentan, aínda que logo, na meirande parte dos casos, resuulta complicado facerse cun deses trebellos polas dificultades para mercalos desde o continente Europeo. A nova xoia é o Xiaomi Mi4, un dispositivo que vén a sustituír o Mi3 e disposto a medirse cara a cara cos mellores gama alta que levamos coñecido no que vai de ano.
O novo dispositivo incorpora unha pantalla de 5 polgadas con resolución FullHD (1920 x 1080) e tecnoloxía OGS de capas eliminadas para mellorar a calidade e reducir peso. Vén con procesador de catro núcleos Qualcomm Snapdragon 801 a 2,5 GHz, 3 GB de memoria RAM, versións de 16 e 64 GB de memoria interna, cámaras con sensores Sony de 13 e 8 megapíxeles, respectivamente, batería de 3080 mAh e conectividade 4G. En canto a software, chega Android 4.4.2 KitKat, sobre o que se engade a capa de personalización MIUI, na súa versión 6.0.
No que ten a ver co deseño, mantén liñas bastante rectas e resulta tremendamente delgado. Os acabados son en plástico imitando metal, aínda que haberá unha versión que terá os marcos en aceiro. Así mesmo, tamén se comercializarán carcasas traseiras intercambiábeis, destacando as versións en (imitación a?) madeira.
O seu prezo rondará, ao cambio, os 250 euros para a versión de 16 GB e os 300 para o de 64 GB. Porén, non é claro que vaia chegar a Europa, haberá que agardar a coñecer os plans de expansión internacional da compañía.