O caso de Foursquare é a crónica dunha morte anunciada. Lembremos que hai uns meses decidiron pór fin a aplicación principal como tal e dividila en dúas, Foursquare e Swarm: a primeira ficaría co seu cometido de recomendacións sobre lugares ou tips, mentres que Swarm limitaríase aos checkins, iso si, vendido como a repanocha dos plans con amigos.
Neste tempo produciuse unha importante perda de usuarios que se negaron a empregar a nova aplicación, moito máis simple e inútil, polo que vai estar moi complicado que haxa quen fique con algo de interese polas súas novidades, aínda que sempre quedará a esperanza de que fagan algo con xeito no renovado Foursquare prometido que veremos en cuestión de semanas.
No que afecta a Swarm, para tentar amañar a desfeita, anuncian novos stickers, acceso doado aos tips dos lugares nos que facemos checkin (logo de facelo) e novas alcaldías por categorías. Estas novidades, aínda que van na liña do que todos queremos que sexa a aplicación, seguen sen estar á altura, pois non ten moito sentido ver que se recomenda nun restaurante se non puideches ver antes de entrar nel o bo ou malo que é, non credes?