Co gallo da celebración do 35 aniversario do Walkman, Sony lanza un novo reprodutor musical de aire retro, mais adaptado aos novos tempos. Porén, a diferenza do Walkman orixinal, o NWZ-ZX1 (así é o seu nome comercial) só valerá para os petos máis abultados, pois véndese por 550 euros.
Malia non reproducir cintas de cassette (tremenda decepción), o novo Walkman incorpora unha memoria interna de 128 GB para que poidamos disfrutar de millerios de cancións, aínda que a compañía prefire indicar que neles caben até 60 álbumes en alta calidade e sen compresión. A listaxe completa de formatos aceptados inclúe MP3, WMA, ATRAC, ATRAC Advanced Lossless, WAV, AAC, HE-AAC, FLAC (192 KHz / 24 bit), Apple Lossless e AIFF
En canto a deseño, está elaborado en aluminio e dispón de conector 3.5 mm encastrado nun cilindro que aseguran axuda a mellorar o son. Nos laterais quedan os botóns de control de volume e reprodución; xa na parte frontal temos a pantalla de 4 polgadas (854 x 480 píxeles). O sistema operativo empregado é Android 4.1 Jelly Bean sen moita personalización.
Que vos parece este novo dispositivo? Mercaríades algo así ou preferides un teléfono máis completo que faga todo?