Ao tempo que os smartphones van aumentando de tamaño, facendo difusa a liña que separa aos teléfonos das phablets, as tablets adoitan tender a reducir o seu tamaño cara as 7 ou 8 polgadas, aínda que o público máis profesional segue preferindo tirar cara o alto. É o caso da recente Samsung Galaxy Tab S ou do trebello que vén de presentar LG en Corea: a TabBook 11.
As 11,6 polgadas de pantalla non son a única prestación superalativa deste dispositivo, que tamén destaca por incorporar un procesador Intel i5 a 2,6 GHz, 4 GB de memoria RAM e 128 GB de memoria interna ampliábeis por microSD. Así mesmo, conta con dous porto USB 3.0, un HDMI de saída e Android 4.2.2 para poñer orde a todo o hardware.
Mais o que chama a atención é que incorpora un teclado baixo a propia pantalla, o que permite traballar co dispositivo como se fose un portátil, algo que tamén inflúe en que teña un peso final superior ao normal neste tipo de gadgets, 1,05 kg.
Está dispoñíbel en Corea en cor branco, e polo de agora non hai novas dunha posíbel distribución noutros países, polo que imaxinamos que non chegaremos a velo por Europa.