Analizamos o LG G3

Cando en outubro do ano pasado publicamos a análise do LG G2 non tivemos a menor dúbida de que estabamos ante o mellor smartphone que tiña construído nunca LG. Porén, a cousa non quedaría aí, xa que tras coñecer todo o que se presentou durante o 2013 consideramos que ese foi o Mellor Smartphone do 2013.

lg g3 fragas do eume

Con este panorama de partida é obvio que o seu sucesor, o LG G3, tiña postas todas as miradas. Hoxe traémosvos unha completa análise que evidencia que LG segue a traballar na liña axeitada cos seus buques insignia. Vexámolo polo miúdo.

Deseño, acabado e conexións

No que ten a ver co deseño xeral do dispositivo non atopamos grandes diferenzas entre o G3 e o seu predecesor, sobre todo na parte frontal, máis aló dun aumento de tamaño, non demasiado salientábel, que ten a ver coa ampliación da pantalla. LG ten feito unha gran labor na redución dos marcos que rodean o panel, co que consegue aumentar o espazo útil e reducir a sensación de ter un gran dispositivo ao suxeitalo na man.

Na parte superior da parte frontal temos o auricular e os sensores habituais de proximidade e detección de luz xunto á cámara dianteira e un LED de notificacións. O camiño cara a eliminación de botóns segue a ser a aposta do fabricante, situando os únicos (acendido e control de volume) na parte traseira, baixo a cámara principal, mellorando por certo o seu deseño. Ao lado da cámara traseira temos un dobre flash LED e un láser, gran novidade desta versión, que serve mellorar o enfocado.

LG G3 acabados

Os laterais, ao non ter botóns, poden ser totalmente redondeados, facilitando o agarre e achegando sensación unibody. Na parte superior atopamos un micrófono orientado á cancelación de ruídos xunto un emisor de infravermellos e na inferior o micrófono principal, ademais do conector microUSB e o jack 3.5 de audio.

Ao contrario do que aconteceu co G2, o G3 ten a carcasa traseira desmontábel, permitindo intercambiar batería. Para nós a uniformidade do corpo da versión anterior era un punto moi positivo e destacábel, aínda que ben é certo que tal e como está construído este novo trebello simula bastante ben ser un dispositivo unibody. Os acabados son plásticos, non metálicos como se tiña especulado nas semanas anteriores á súa presentación. Agora ben, son moi superiores aos que estamos habituados por outros dispositivos que empregan este mesmo material. Resumindo: temos unha sensación de estar ante un dispositivo premium sen ter que pagar o prezo do peso que implicaría incluír cristal ou aceiro.

En contra da tendencia habitual nos gama alta de introducir resistencia á auga e pó, LG decidiu non dotar ao seu novo terminal de referencia desta característica, aínda que pola rede circula un vídeo que amosa que resiste satisfactoriamente unha somerxión moderada no líquido elemento. Por razóns obvias, descartamos facer esa proba 😉

Pantalla

A pantalla que LG neste dispositivo é A PANTALLA. Se hai un tempo falabamos do que supuxo a inclusión dos paneis FullHD, o próximo salto vai ser a resolución QHD que xa ten o G3, con 2560 x 1440 píxeles (534 ppp). O salto en tamaño ás 5,5 polgadas evidencia que o termo phablet ha de ser revisado, xa que neste senso, a redución dos biseis non nos dá sensación de ter mans tal bicho.

lg g3 fragas do eume 2

A nitidez é definición é superlativa, as iconas amósanse sen pixelamento e as cores son espectaculares en practicamente calquera ángulo, aínda que os escuros perden algo cando miramos a pantalla moi de esguello.

Sistema operativo

O LG G3 incorpora a última versión de Android, 4.4 KitKat, e unha nova versión da súa capa de personalización, que era moi necesaria, incluíndo novas iconas e menús moito máis limpos e manexábeis que reducen distancias entre esta personalización e Android stock.

Tamén atopamos algunhas aplicacións propias, como Quickmemo, Qslide ou o Quick Remote, que serve de mando a distancia universal. No apartado de seguridade temos como novidade o KnockCode, que vén a ser un patrón de desbloqueo a base de pulsacións na pantalla, como evolución do KnockON (a activación de pantalla con dous pequenos toques). Así mesmo, patróns diferentes dan acceso a un modo convidado, no que podemos ter acceso restrinxido só a certas aplicacións, conservando a nosa privacidade.

Para sacar o máximo partido á gran pantalla temos tamén a posibilidade de partila en dúas metades para correr dúas aplicacións a un tempo: accédese a este modo cunha pulsación prolongada do botón “atrás”.

Finalmente, chamáronnos a atención novas tarxetas intelixentes (unha versión simplificada de Google Now) que nos informan de cousas sen ter que preguntar. Por exemplo, pode poñernos un “leva paraugas, á tarde hai altas probabilidades de choiva”, que nos sacará de máis dun apuro.

Cámara

O apartado das cámaras é outro ao que LG está a prestar moita atención, escollendo sensores de Sony tanto para a principal como para a frontal; no caso da cámara traseira atopamos un Sony IMX135 de 13 megapíxeles con f/2.4, que vén co sistema OIS+ de estabilización de imaxe [non podedes perder este vídeo! :’) ],  mentres que na frontal temos un sensor Sony IMX208 de 2,1 megapíxeles e apertura f/2.0.

A aplicación de cámara predefinida inclúe diversas funcionalidades que sacan partido a ambos sensores, como a posibilidade de activar o disparo ao pechar o puño diante da cámara ou soltando algunha palabra máxica, axeitado sobre todo para o modo autorretrato (selfies, en moderno).

Mais o principal salto en canto a calidade atopámolo na principal, coa inclusión do laser traseiro, que serve para calcular a distancia á que se atopa o obxecto a fotografar, mellorando e apurando o enfoque, que se fai practicamente de xeito instantáneo (0.276 segundos, segundo cifras oficiais).

En condicións de boa luminosidade os resultados son excepcionales, aínda que nas escenas nocturnas tampouco defrauda, como podemos ver nos exemplos que vos amosamos a continuación.

Batería

A batería é o aspecto que LG deixou un pouco de lado nesta evolución da liña G. O primeiro gran cambio que atopamos é que esta é extraíbel e facilmente intercambiábel con outra pila, algo que os heavy users agradecerán. Porén, os 3000 mAh (os mesmos que o G2) non rinden tan ben como no modelo anterior, e as causas son moi obvias.

O aumento de tamaño da pantalla e, sobre todo, da súa resolución, precisan máis alimentación, polo que se no modelo anterior falabamos de dous ou tres días de autonomía no G3 quedamos no día e medio, aínda que os días nos que esteamos moi activos non perdoa a carga nocturna.

Cómpre dicir que a solución básica de reducir o brillo da pantalla, de automático a valores mínimos, multiplica a duración da pila, aínda que sen facer milagres.

Conclusións

O corazón do LG G3, un Snapdragon 801 a 2,5 GHz e os seus 2 GB de RAM resultan unha combinación gañadora si ou si. O terminal rinde moi ben ante todo o que lle podemos pedir, desde aplicacións ou os xogos máis potentes até ao mover vídeos en alta definición.

Na nosa opinión, tras aproximadamente un mes de uso, o LG G3 resulta un terminal altamente recomendábel, máis aínda se temos en conta o seu prezo, xa que é posíbel atopalo por uns 500 euros, o que convirten nunha das das mellores alternativas en calidade / prezo na súa gama.

Resulta aínda máis atractivo se combinamos o trebello con algún dos accesorios que temos á nosa disposición, como a funda oficial LG QuickCircle, o cargador inarámico Qi ou un reloxo con Android Wear como o propio da compañía coreana, o LG G Watch, que onte analizamos.

Sobre o autor

One Response

  1. Gabriel 26 Agosto, 2014 Responder

Reply