Se hai unha aplicación de almacenaxe na nube por excelencia esa é Dropbox, cuxas posibilidades de uso son practicamente infinitas. Porén, máis discreta é a súa capacidade de almacenaxe gratuíto, 2 GB, moi por baixo do que ofrecen a meirande parte de servizos semellantes, aínda que ben é certo que se pode aumentar sensibelmente con diversas promocións.
Tampouco eran moi apetecíbeis os seus prezos por almacenaxe na nube sobre os seus competidores, algo que vén de mudar tras lanzar unha nova tarifa que elimina as opcións intermedias. A partir de agora por 9,99 euros / mes (99 euros se facemos pago anual) teremos 1 TB (1000 GB) de espazo na nube.
As novidades na versión Pro de Dropbox tamén inclúen o borrado remoto e a posibilidade de poñer contrasinais ou data de caducidade ás ligazóns que compartimos, algo que sen dúbida agradecerán os usuarios máis activos.
A listaxe completa das novidades que chegan a Dropbox Pro pódese ver no blog da aplicación.