Semella que a LG cústalle gardar un segredo, e malia que onte mesmo viamos unha imaxe en modo teaser do reloxo que presentará en Berlín a próxima semana acaba de facelo oficial: este é o LG G Watch R, un novo smartwatch que vén a ser o sucesor (ou alternativa) do LG G Watch.
O que máis chama a atención do novo reloxo da compañía coreana é a súa forma, con pantalla circular, o que lembra aos antigos tradicionais reloxos de pulso, unido a un deseño moito máis coidado e estilizado que o fan máis atractivo, o que sen dúbida será clave para o seu éxito.
As súas especificacións son moi semellantes ás do seu predecesor, incluíndo un procesador Qualcomm Snapdragon 400 a 1,2 GHz, 512 MB de memoria RAM, 4 GB de almacenaxe interna, pantalla OLED de 1,3 polgadas e sensor de ritmo cardíaco. Ten ademais certificación IP67 que o protexe fronte auga e pó e un botón físico situado na roda lateral que servirá para acendelo ou apagalo. Finalmente, como sistema operativo teremos Android Wear.
Polo de agora non temos información sobre unha data fixa para a súa posta á venda, aínda que si está confirmada a súa dispoñibilidade para o último trimestre do ano. Tampouco se sabe nada sobre o seu prezo, que imaxinamos ficará nuns 200 euros.
O LG G Watch R sairá á venda en outubro e o seu prezo de venda recomendado en Europa será de 299 euros.
Que vos parece esta nova opción?
É todo un acerto que este gadget simule un reloxo convencional, os reloxos converteronse en parte do noso vestiario e nun complemento indispensable