Vén sendo habitual que os cambios nos termos de venda ou uso nos produtos de Google sirvan para predicir presentacións de novos servizos ou dispositivos, polo que os que veñen de sufrir as Google Glass poderían significar que están case listas para a sua comercialización.
As primeira gran novidade ten que ver coa política de prezos, aparecendo unha referencia a que se o produto baixa o seu prezo nos 30 días posteriores á súa compra pódese reclamar a diferenza pagada, algo que xa aconteceu con algún produto da saga Nexus.
Do mesmo xeito, tamén se deixa caer a existencia dun modelo con conectividade móbil, ao indicar un “se o teu dispositivo require unha tarxeta SIM […] es responsábel de obter dita conectividade. Se o teu dispositivo inclúe WiFi para acceder a internet, entendes que precisas acceso a un punto WiFi 802.11a/b/g/n”.
O terceiro gran cambio, quizais o máis importante, é que a palabra beta desaparece por completo. Anteriormente un parágrafo facía referencia a que o programa Explorer era beta e que, polo tanto, o usuario aceptaba que estaba a usar un dispositivo con hardware e software non comercial.
Será pois o 2014 o ano das Google Glass como apuntaban as primeiras previsións?
Máis info: ToS das Google Glass