Do mesmo xeito que LG e o seu LG G Watch R, Samsung vén de facer oficial o seu novo reloxo intelixente, adiantándose ao Unpacked previsto para o próximo día 3 de setembro: presentámosvos o novo Samsung Gear S.
Malia que tras a o lanzamento do Gear Live o pasado mes de xuño éramos moitos os que pensabamos que elixirían Android Wear para os seus futuros wearables, Samsung quere darlle unha nova oportunidade ao sistema operativo Tizen nun gadget que integra interesantes novidades, como pantalla curva ou conectividade 3G.
A curvatura da pantalla do novo Gear S adáptase ao noso pulso e lémbranos en certa medida á que tiña o Gear Fit, aínda que neste caso estamos a falar dun panel de 2 polgadas con resolución 480 x 360 píxeles. O resto de especificacións básicas pasan por un procesador de 1 GHz, 512 MB de memoria RAM, 4 GB de memoria interna e unha batería de 300 mAh.
Chama a atención a inclusión de numerosos sensores (de ritmo cardíaco, de luminosidade, de raios ultravioleta, barómetro, acelerómetro, xiroscopio…), ademais de GPS, que xunto as diferentes opcións de conectividade (3G e Bluetooth 4.1) fan que sexa un dispositivo autónomo en moitos sentidos. Así mesmo, tamén dispón de protección IP67 fronte pó e auga.
Pouco sabemos sobre as novidades que pode traer o dispositivo en canto a software, máis aló do uso de Tizen como sistema operativo, que integra un teclado qwerty en pantalla, que haberá que ver como funciona tendo en conta o tamaño da mesma.
O novo Samsung Gear S chegará ás nosas tendas no mes do outubro, e aínda que non foi desvelado o seu prezo cabería pensar que andará polos 300-350 euros.