Cando falamos de mapas a meirande parte de nós pensamos en Google Maps, aínda que ben é certo que existen numerosos servizos alternativos, como Nokia Here, que pretende facerse un oco nos nosos smartphones. Porén, malia que vén de ser anunciado o lanzamento da aplicación para Android, nun primeiro momento estará dispoñíbel unicamente para os trebellos de Samsung, nos que virá preinstalado.
Here Maps ofrece un servizo semellante ao que coñecemos de Google Maps, con navegación en coche, a pé ou a través de transporte público. Ademais permite ser empregado sen termos conexión a Internet, algo que agradeceremos cando non teñamos boa cobertura ou esteamos no estranxeiro. Neste senso destaca que poderemos descargar os mapas de países enteiros e non por zonas, como acontece na alternativa de Google.
A alianza de Here Maps con Samsung tamén chega aos wearables da compañía coreana, a liña Gear con Tizen (non sabemos se nun futuro tamén para o trebello con Android Wear), o que facilitará a empregabilidade ao termos os mapas sempre dispoñíbeis no noso pulso.
Here Maps está considerada unha das mellores alternativas a Google Maps, aínda que en Galiza está un pouco verde ao non dispór de opcións ás que xa estamos moi acostumados, como a vista a pé de rúa (a.k.a. Street View). Podedes botarlle un ollo na súa web.