Aínda que os smartphones teñen baixado moito de prezo nos últimos meses, non é doado atopar dispositivos decentes por menos de 100 euros, salvo honrosas excepcións como o Moto E ou o novo terminal de Wiko, o Wiko Lenny.
O trebello integra unha pantalla de 5 polgadas e calidade FWVGA, procesador de dobre núcleo a 1,3 GHz, 512 MB de RAM e 4 GB de memoria interna ampliábeis por microSD de até 32 GB. Dispón de dobre cámara, a principal de 5 megapíxeles con flash LED e detetor de sorrisos, mentres que a frontal sitúase nos 1,3 MP.
Tamén destaca a súa capacidade dualSIM e o sistema operativo, xa que trae Android 4.4 Kitkat totalmente limpo, que como xa temos apuntado noutras ocasións está optimizado para correr sen problema en terminais básicos.
O Wiko Lenny está dispoñíbel en dúas cores, branco ou negro, por 99 €.