Vodafone anuncia LTE Advance ao tempo que carga contra os OMV

vodafone_4g_600

O encontro anual das empresas de telecomunicación que estes días está a se celebrar en Santander adoita servir tamén para dar a coñecer os plans das operadoras, como é o caso de Vodafone, quen aproveitou para anunciar o lanzamento comercial de LTE Advance (LTE-A) nalgunhas cidades.

Esta nova tecnoloxía é unha evolución do 4G LTE que permite velocidades de até 300 Mbps en descarga, duplicando as capacidades actuais, e nun primeiro momento estará dispoñíbel en Madrid, Barcelona e Valencia, aínda que nos próximos meses irá chegando ao resto de capitais de provincia, nomeadamente as cidades galegas. O despregamento farase empregando as bandas de 1800 e 2600 MHz, á espera da liberalización da de 800 MHz, que permitirá achegar a dispoñibilidade a entornos rurais ou menos poboados.

Porén, para podermos disfrutar desta nova rede deberemos contar con terminais compatíbeis con LTE categoría 6, unha especificación que vos vimos sinalando nos últimos dispositivos lanzados. A principal oferta de Vodafone neste sentido será unha versión do Samsung Galaxy S5 compatíbel con LTE cat 6.

Así mesmo, a operadora vermella vén de incorporar á súa rede a tecnoloxía Voz sobre LTE (VoLTE), que permite realizar chamadas en alta definición, con tempos de establecemento inferiores a un segundo e a posibilidade de mudar entre conversa de voz ou voz + vídeo de maneira case instantánea

Vodafone contra os OMV

Tamén no encontro de Santander a compañía británica, a través do seu CEO Antonio Coimbra, evidenciou a súa postura contraria aos operadores móbiles virtuais (OMVs), asegurando que “non é normal” que os ingresos dos operadores con rede descendan un 30% mentres que os dos virtuais están a aumentar nun 300%.

As declaracións de Coimbra non collen por sorpresa a ninguén, pois a operadora leva tempo bloqueando o acceso ao 4G aos OMV que empregan a súa rede, caso de Pepephone ou móbilR. No caso de Pepephone, a compañía low cost decidiu romper o contrato con Vodafone e está a piques de mudar todos os seus clientes á rede de Yoigo para poder ofrecer as máximas velocidades de rede aos seus clientes. Porén, a galega R segue a manter os seus clientes baixo o paraugas de Vodafone, malia que, segundo teñen comunicado fontes da compañía, o contrato que manteñen con Vodafone obriga a esta última a ofrecer a R calquera mellora que teña na súa rede.

O directivo de Vodafone tamén se ten manifestado en numerosas ocasións en contra destes operadores e a favor dunha nova concentración das telecos, o que nos levaría a un escenario semellante ao que tivemos cando só estaban Movistar, Vodafone e Amena (agora Orange), compañías que pactaban prezos e tiñan uns marxes que, como se demostrou cos anos, foron totalmente desproporcionais.

Unha recente enquisa realizada entre os nosos seguidores no Twitter evidenciou que a meirande parte de vós preferides un OMV como móbilR, Tuenti ou Pepephone. Plantexaríadesvos mudar de compañía a unha das tradicionais para poder disfrutar das melloras en velocidade de rede?

Sobre o autor

One Response

Reply