O pasado mes de xullo en Mallando no Android demos a exclusiva do sucesor do exitoso Moto G, que agora vén de ser presentado oficialmente aproveitando a celebración da feira IFA de Berlín. Con este novo modelo Motorola pretende continuar a boa acollida que tivo o modelo previo, aínda que chega nun momento no que a competencia é moito máis dura.
Tal e como adiantáramos en xullo, o Moto G de segunda xeración vén cunha pantalla de 5 polgadas e resolución 1280 x 720 píxeles (293 ppp), procesador de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 GB de RAM, cámara principal de 8 megapíxeles e frontal de 2 e capacidade Dual SIM, aínda que esta funcionalidade só está dispoñíbel noutros países de Europa, non no Estado Español. A súa batería é de 2070 mAh.
Ademais esta nova versión é resistente á auga, dispón de 2 altofalantes estéreo situados na parte frontal e sae á venda con Android 4.4 Kitkat, aínda que con actualización garantida a próximas versións.
As posibilidades de personalización multiplícanse coas carcasas traseiras dispoñíbeis en numerosas cores e como opcións de conectividade parece que polo de agora só está confirmada a versión 3G, aínda que de seguro que nalgún momento chega o equivalente en 4G.
O novo Moto G pódese mercar desde hoxe mesmo por 179 € a versión de 8 GB e 199 € a de 16 GB. Que vos parece este novo dispositivo de Motorola?
A min gustame moito este teléfono, boas especificacións a un prezo máis que razoable, comparado co que ofrece a competencia. Eu teño Moto G 2013 e funciona de marabilla, cun Android limpo e áxil, como a min me gusta.
PD: Hai unha errata, a non son 320 ppp, son 293 ppp.
Certo, foi un lapsus! Graciñas 😀
Estou a dubidar entre o Moto G de segunda xeración e o Samsung Galaxy S4 mini. A experiencia que levo tido co Motorola Moto G de 2013 é mellor que a que tiven con outros dispositivos Samsung, mais non me acabo de decidir aínda.
Non sei se haberá por aí alguén que me dea un bo consello, porque cartos xa se sabe que non dá ninguén 😉
Obrigado
Boas Pepe,
entre eses dous nós teríamolo claro: o Moto G de 2ª xeración. De todos os xeitos podes botarlle un ollo a esta recopilación que fixemos hai uns días dos que para nós son os mellores smartphones por menos de 200 € http://mallandonoandroid.gal/blog/2014/11/26/mellores-smartphone-por-menos-de-200-e/ ou este novo bq http://mallandonoandroid.gal/blog/2014/11/25/bq-aquaris-e5-4g-a-nova-aposta-de-bq-con-procesador-qualcomm-e-4g/
Saúdos!