Levamos tempo falando da incorporación de novos servizos á app de Hangouts, nomeadamente as que teñen que ver coa integración de servizos de voz, algo que semella que por fin comeza a ser unha realidade. Se en novembro unha actualización integrou os sms e mms, diversos usuarios americanos están a recibir unha mensaxe na aplicación para migrar Google Voice a Hangouts.
Malia todo non estamos a falar aínda dunha integración completa, senón unicamente das mensaxes de buzón de voz e os sms. Un paso necesario, si, pero lonxe desa gran aplicación de mensaxería de texto, voz e vídeo que tanto desexamos.
Google Voice é un servizo que só está dispoñíbel nos Estados Unidos. Chegará nalgún momento ao noso país ou verémolo integrado nun futuro dentro de Hangouts?