Amazon vén de renovar hoxe o seu catálogo de dispositivos con novos Kindle e novas tablets Fire, a liña que emprega o seu sistema operativo FireOS, baseado en Android, que tamén recibe novidades.
Centrándonos nos Fire, atopamos 3 novos trebellos de 6, 7 e 8,9 polgadas. Os dous primeiros resultan especialmente económicos, en boa parte porque admiten que recibamos publicidade a cambio de aforrar uns euros nos dispositivos.
A Amazon Tablet Fire HD 6 incorpora unha pantalla HD de 6 polgadas. A súa resolución é de 1280 x 800 píxeles (252 ppi) e dispón de protección Gorilla Glass 3. Leva un procesador quad core de 1,5 GHz, cámara principal de 2 megapíxeles e frontal VGA, ademais de sistema de audio Dolby. Estará dispoñíbel en 5 cores (rosa, azul, negro, amarelo e branco) o 2 de outubro por 99 € (8 GB) ou 119 € (16 GB), aínda que se queremos eliminar a publicidade debemos sumar 15 € ao PVP de cada modelo.
Pola súa banda, a Amazon Tablet Fire HD 7 sube o tamaño de pantalla até as 7 polgada, aínda que compartindo resolución 1280 x 800 píxeles (216 ppi) e procesador. Destaca especialmente o seu peso, fixado nos 337 gramos. Chegará a comezos de outubro nas mesmas cores que o anterior por 139 € (8 GB) ou 169 € (16 GB), aos que novamente teríamos que sumar 15 € para evitar termos publicidade.
Un paso máis aló vai a nova Amazon Kindle Fire HDX 8.9, que chega con novo procesador, un SnapDragon 805 de catro núcleos a 2,5 GHz. A súa pantalla mantense nas 8,9 polgadas con resolución 2560 x 1600 (339 ppp), conta con Audio Dolby X2 e altofalantes estéreo, cámara principal de 8 mgapíxeles con flash LED (frontal HD 720 p) e batería que asegura 18 horas de lectura.
En canto a prezos, podémolo mercar por 375 € (16 GB), 429 € (32 GB) ou 479 € (64 GB). Así mesmo, tamén dispón de accesorios específicos, como o Fire Keyboard Bluetooth.
Coa nova versión de FireOS chegan tamén melloras nos servizos complementarios, como o espazo de almacenaxe ilimitado na nube de Amazon para fotos e contido dixital mercado en Amazon. Porén, del destaca a inclusión de Firefly que incorpora o FirePhone, un sistema capaz de recoñecer filmes, libros e outros produtos que se venden en Amazon a través da cámara.
Outras grandes novidades son a presenza do sistema ASAP que, dacordo aos nosos hábitos, predicirá que filmes veremos no futuro para que estén cargadas cando queiramos velas de verdade ou X-Ray, que nos ofrece información das actrices e actores que aparecen nun filme dacordo ás bases de datos de IMDb.
Con esta oferta Amazon renova os seus produtos orientados a contidos. Credes que o futuro das tablets pasa polos servizos engadidos deste estilo?