Aínda que poucas veces os operadores sufren caídas masivas que nos deixan incomunicados durante unhas horas, o certo é que sufrilas non lle gusta a ninguén, sobre todo tras térmonos acostumado á conexión permanente. Tuenti Móvil (a marca low cost de Movistar) tivo problemas a semana pasada, deixando a moitos clientes sen cobertura, algo que a propia compañía xustificou polos cambios que están a facer para converterse nun OMV completo.
Ademais, a compañía apurouse a anunciar que os clientes recibirán unha compensación de 5 € no seu saldo, por riba do obrigatorio, que se calcularía co consumo medio de cada cliente e que na meirande parte dos casos non chegaría ao euro.
Tuenti súmase así á revolución das formas que están a ter algúns dos novos operadores, como Pepephone ou Jazztel, que compensan directamente ás e aos seus clientes, de xeito automático e sen preguntas, unha estratexia acertada para manter á xente contenta. Sumaranse ao carro o resto?