Malia que noutras épocas era habitual que todas e todos tivésemos unha cámara dixital na casa, o certo é que nos últimos anos foron perdendo protagonismo en favor dos smartphones, trebellos que viaxan todo o día no noso peto ou bolso e que achegan resultados cada vez mellores.
Pode que agora o das cámaras sexa un nicho específico de mercado, mais Samsung leva xa un tempo tentando eliminar a fenda que separa cámaras e teléfonos. Un primeiro intento foi a Galaxy Camera, vendida como cámara, aínda que o salto a falar de smartphone chegou co Galaxy S4 Zoom. Hoxe falamos do seu sucesor, o Galaxy K Zoom, que se inspira no actual gama alta da compañía, o Galaxy S5.
Deseño, acabado e conexións
Como diciamos, a pesarmos de que nos venderon o Galaxy S4 Zoom como un “teléfono con cámara”, o certo é que como teléfono resultaba algo pesado e apartoso de máis, o que nos lembraba unha cámara. Neste senso, o Galaxy K Zoom supón un paso de xigante de cara un híbrido mellorado, xa que cabe perfectametne no noso peto e resulta infinitamente máis discreto.
A parte frontal lémbranos ao Galaxy S5, un chis máis pequeno. Nela temos a cámara dianteira e os sensores na parte superior; na parte traseira atopamos a cámara principal, un potente flash e os altofalantes. A superior contén o conector jack 3.5 de audio e a inferior o microUSB para carga e transferencia de arquivos.
Os acabados son moito máis agradábeis ao tacto. A compañía coreana apostou polo plástico rugoso que está a introducir en todos os gama media – alta do fabricante e que tanto nos gusta. O lateral ten unha liña metálica que parece manter toda a estrutura.
Cámara
Pasamos a falar da cámara, que como podedes imaxinar é sen dúbida o punto forte deste dispositivo. Na parte técnica falamos dunha resolución de 20,7 megapíxeles (5248 x 3936 píxeles), zoom 10x (24 – 240 mm), estabilizador óptico, sensor 1/2.3″ con apertura f3.1-f6.3 e flash LED e Xenon. Grava vídeo en Full HD a 60 fps.
Malia que hai outros smartphones con resolucións semellantes, a grande diferenza esta no seu zoom telescópico, que nos facilitará as tarefas de sacar fotos de lonxe e que achega uns resultados máis ca satisfactorios.
Complementan as posibilidades as opcións da aplicación cámara, moitas delas xa coeñcidas da capa de personalización TouchWiz, con algún que outro matiz, como a posibilidade de xogar cos axustes manuais para ter maior control sobre a mesma.
A cámara frontal ten un sensor de 2 megapíxeles, nada do outro mundo. Porén, existe un modo na cámara principal que nos permite sacar selfies de xeito automático cando detecta a nosa cara, que por certo, funciona á perfección.
Na nosa páxina de Flickr podedes atopar unha galería de imaxes tomadas co Galaxy K Zoom en diversas condicións lumínicas, con zoom ao máximo, macro etc… podedes velas no seu tamaño orixinal nesta ligazón.
Pantalla
A pantalla é un panel SuperAMOLED de 4,8 polgadas e resolución 720 x 1280 (306 ppp), abonda para visualizar as nosas imaxes. O tamaño pareceunos acertado, xa que permite que nos poidamos mover polas imaxes comodamente para comprobar se os resultados son os que queremos.
Sistema operativo
A Galaxy K Zoom vén con Android 4.4.2 KitKat, actualizábel, que ademais conta coa interface habitual de Samsung TouchWiz, do cal non imos comentar moito, xa que non achega ningunha novidade sobre o que xa temos analizado.
Batería
A batería é de 2430 mAh, extraíbel. A súa autonomía con conexión 3G/4G e usando a cámara a miúdo é dun día, aínda que se a empregamos en modo avión (non ten moito senso, pero pode servir nun momento puntual) chega ás 2,5 ou 3 xornadas fotográficas sen problema.
Conclusións
Sen dúbida Samsung deu un paso cualitativo con este produto, sobre todo no que a deseño compacto e experiencia de usuario se refire. Porén, seguimos a falar dunha cámara compacta, xa que para uso permanente como smartphone resulta un chis incómodo (basicamente, moi groso para escribir)
As súas características técnicas sitúano por baixo do Galaxy S5: procesador HexaCore (1.7 GHz dual core + 1.3 GHz quad core), 2 GB de RAM e 8 GB de memoria interna ampliábeis por microSD. Así a todo, resultan máis ca abondas para usalo como cámara e realizar pequenos procesados de imaxe, ademais das funcións habituais dun smartphone.
As posibilidades de conexión (LTE 4G) son un punto a favor, xa que nos permiten transmitir as imaxes rapidamente (claro que precisaremos unha boa tarifa de datos, xa que estas pesan entre 5 e 8 MB en máxima resolución).
En definitiva, o Galaxy K Zoom é unha boa opción para aquelas persoas que anden a procurar nunha cámara compacta coas infinitas posibilidades que ofrece a incorporación de Android e conectividade móbil na mesma. O seu PVP é de 499 €.