Lenovo deu a coñecer onte unha nova xeración de tablets, a serie Yoga 2, composta por 3 novos dispositivos: Yoga 2 en 8 e 10 polgadas e Yoga 2 Pro, unha versión vitaminada con pantalla QuadHD de 13,3 polgadas e características moi innovadoras e, até o de agora, nunca vistas nunha tablet.
Lenovo Yoga 2 Pro
O primeiro que destaca deste modelo é a súa pantalla de 13,3 polgadas con calidade QuadHD (2560 x 1440). No seu interior integra un procesador Intel Atom Z3745 de 1,86 GHz, xunto 2 GB de RAM e 32 GB de memoria interna ampliábeis con tarxetas microSD. As cámaras son de 8 e 1,6 Mpx, batería de 9600 mAh e son JBL Subwoofer de 5W e altofalantes frontais de 1,5 W.
Mais tamén chama a atención a presenza dun picorpoxector, cuxas características son 50 lumes e resolución 854 x 480 (non máis de 50 polgadas), que se ben non é unha calidade excesiva sacará de moitos apuros á hora de compartir presentacións sen ter que cargar con pesados e caros proxectores.
Estará dispoñíbel a partir do 25 de outubro por 499 €, un prezo moi competitivo tendo en conta as súas posibilidades.
Lenovo Yoga 2
Un paso por detrás temos as Lenovo Yoga 2, tablets algo máis modestas en prestacións que chegan en dous tamaños, 8 (Lenovo Yoga 2-830) e 10 polgadas (Lenovo Yoga 2-1050).
A primeira delas integra unha pantalla Full HD de 8 polgadas con resolución 1920 x 1200 píxeles, proceador de catro núcleos a 1,33 GHz, 2 GB de memoria RAM e 16 GB de memoria interna ampliábeis por microSD. As súas cámaras son de 8 e 1,6 Mps e dispón de até 4 posicións diferentes para poder disfrutar durante 15 horas do mellor contido multimedia, en grande medida grazas aos altofalantes Dolby Audio. Vén con Android 4.4 KitKat e xa está dispoñíbel por 229 €
A versión de 10 polgadas non cambia moito as súas especificacións, máis aló do tamaño da pantalla que sube até as 10 polgadas, aínda que mantendo a resolución. A memoria interna tamén sube até os 32 GB ampliábeis e dispón de versión con conectividade 4G/LTE. Custa 299 €.
Con estas tres alternativas Lenovo aspira a competir no mercado europeo non só en prezo, senón tamén en produtos de calidade e opcións diferenciadoras nun mercado, o das tablets, cun amplísimo abano de opcións. Que vos parecen?