Na meirande parte dos casos, mudar de smartphone non supón grandes complicacións, sobre todo se empregamos ferramentas de sincronización na nube que permiten que simplemente metendo unha SIM e abrindo sesións en diferentes contas teñamos todo preparado de novo.
O que si pode supór un pequeno quebradeiro de cabeza é mudar entre sistemas operativos, máis por descoñecemento das ferramentas específicas ca polo feito en si. É por iso que Google vén de publicar unha guía oficial orientada aos usuarios de iOS que queren iniciarse en Android. Esta guía divídese en catro apartados: fotos e música, contactos, emails / mensaxes e aplicacións.
Para transferir as fotos almacenadas no iPhone ou no iPad Google recomenda empregar o servizo de auto backup de Google+ que nos permite subir todas as imaxes á nosa nube persoal, mentres que para a música que poidamos ter na librería de iTunes achega todas as posibilidades de Google Play Music e a súa sincronización na nube.
No caso dos contactos, ao igual que acontece en Android, se estes están asociados na conta de Google non hai máis ca iniciar a conta. Porén, a guía explica a solución para que usando iOS teña escollido a solución de iCloud ou empregue outras complementarias, de maneira que este punto, para moitos o máis crítico de calquera cambio, tampouco sexa moito problema.
Para o correo electrónico, que mellor ferramenta que Gmail? Sobre todo agora que a aplicación é capaz de xestionar calquera conta de correo. Google tamén recomenda apagar iMessage para que este servizo non siga redireccionando cara o iPhone os SMS ou MMS, no canto de facelo cara o novo Android.
Finalmente, como di a propia Google, o tema das aplicacións non ten moita máis ciencia que descargar as versións para Android das mesmas que empregabamos en iOS. Feito isto por vez primeira xa quedarán asociadas á nosa conta de Google para futuras ocasións.
Doado, non?