Onte á tarde, por sorpresa, Google presentou Inbox, unha ferramenta que nos sitúa un paso máis máis preto do futuro do correo electrónico. Pero que é Inbox exactamente? Non é doado definilo, aínda que poderíamos dicir que un novo xestor intelixente de correo ou unha nova bandexa de entrada na que Google vai aprendendo para organizalo todo por categorías, como viaxes, compras, finanzas ou sociais, entre outras, sempre modificábeis polo usuario.
Inbox permítenos acceder a moita máis información dun simple vistazo, xa que a súa interface está moito máis orientada a sermos eficientes. Isto pode resultar un tanto lioso se manexamos grandes volumes de correo, pero a pouco que se lle dea xeito xa parece (dicimos parece, porque cómpre probalo con moita máis calma para sermos categóricos) moito máis xeitoso que a bandexa tradicional.
Pero se cadra resulta máis interesante a integración de servizos, como os recordatorios ou o calendario, situándo todas esas pequenas cousas que temos distribuídas en diferentes aplicacións nun único sitio, unha nova home page. Suporá isto a fin dos autocorreos para lembrarnos até de mercar o pan? É moi probábel.
Pode que visto isto algúns de vós esteades a vos preguntar como afecta isto a Gmail. Tranquilos, Inbox é un complemento ao tradicional servizo de correo electrónico de Google. Pode sustituílo? Obviamente, seguramente sexa a idea a medio prazo, pero polo de agora a decisión de que usar en cada momento (ou elixir unha única opción) depende unicamente do usuario.
Versión de escritorio
É certo que Inbox está moi orientado á aplicación móbil, mais tamén ten opción de escritorio, accesíbel desde http://inbox.google.com A bandexa de entrada é moi diferente ao Gmail que coñecemos até o de agora, aínda que conserva menús, accesos a Google+ e integración con Hangouts.
Ao igual ca na aplicación, podemos acceder ás diferentes categorías para ver agrupados os correos que, automaticamente, Google preselecciona para os mesmos. Eis aquí o exemplo do meu cartaol de viaxes.
Nótese que tamén muda o estilo de creación de novo correo, cun botón vermello que nos dá opción de seleccionar os contactos máis empregados ou engadir un recordatorio directamente. Chulo, non vos parece?
A xestión das conversas (entendida como fío de correo), é semellante á que temos en Gmail desde a última gran actualización estética deste, como podemos ver na seguinte imaxe.
Obviamente non temos por que ter todas as lapelas activadas; no menú de configuración podemos seleccionar cal ou cales queremos ter operativas:
Será Inbox a aplicación definitiva de correo electrónico? Se hai mudanzas neste senso, semella que este é o camiño. Google reinventou o email cando abriu Gmail hai 10 anos, a cuestión é se agora Inbox é o que necesitamos.
Podedes descargar a aplicación de Inbox desde a Play Store. Para solicitar un convite tedes que enviar un correo a inbox@google.com e agardar a que vos chegue. Paciencia.
Tamen me podias invitar ti ou
Non temos convites 🙁
Solicitude de invitación enviada. A ver se chega pronto.
Ten moi boa pinta: por fin unha xestión de tarefas ao xeito! Iso si, lin en EAL que non pon fácil o de borrar correos… A ver se logo lle dedican algo de tempo a Google Photos, que me traen pola “calle” da amargura.
Si, para borrar hai que facer 2 clics en vez de un, pero hai un para marcar como revisado. Encaixa coa filosofía de Google de “non borres ningún correo, arquiva, tes espazo abondo”
Recibín a invitación para probar Inbox e, despois de trebellar nel abondo, penso que isto está pensado para a xente que a “inbox zero” lles parece un imposible…
Non parece levarse ben coas normas previas de Gmail e non vexo que os recordatorios se sincronicen co calendario (supoño que chegarán aí, pero éme incomprensible que aínda ninguén mellorase o calendario para a xente que non vive só de reunións… Os emails, como ben presentan, son tarefas, case sempre!).
En fin, breves apuntes de todo canto me leva pasado pola cabeza. Agora toca mandarlles feedback. Saúdos!