Malia que a súa ficha leva días dispoñíbel na Play Store, aínda que sen todos os detalles asociados, o novo reloxo intelixente de Sony con Android Wear, o Sony Smartwatch 3, xa está dispoñíbel en pre-reserva a través da páxina do fabricante por 229,99 €. Porén, non será até o 16 de novembro cando comece a súa distribución.
Entre as súas especificacións cabe destacar a súa pantalla de 1,68 polgadas (320 x 320 píxeles), procesador SnapDragon 400, 512 MB de memoria RAM e 4 GB de memoria interna, ademais dunha batería de 420 mAh e GPS incorporado, principal diferenza con outros dispositivos da competencia.
O trebello está acabado en silicona e terá dispoñíbeis fundas de cores para aumentar as posibilidades de personalización, aínda que estas polo de agora non se poden mercar.