3 de novembro. Hoxe é o día que semanas atrás marcou Google no calendario, o lanzamento oficial de Android 5.0 ou Lollipop, que se traduce na chegada dos primeiros trebellos aos seus compradores. Inicialmente estamos a falar do Nexus 9, que temos á venda na Play Store, e nos próximos días tamén do Nexus 6, retrasado e sen unha data clara de comercialización.
Do mesmo xeito, non ha tardar o despregamento de Android 5.0 aos dispositivos Nexus e Play Edition, comezando polas Nexus 7 e Nexus 10, así como tamén os Motorola e outras marcas que xa anunciaron a actualización a esta nova versión, como podemos ver nesta nova.
Entre as novidades desta versión de Android chama a atención o cambio de deseño levado a cabo co Material Design, que xa fomos probando en sucesivas actualizacións de aplicacións adaptadas, a última Gmail. Pero ademais hai unha longa listaxe de cambios, entre os que destacaremos os máis importantes.
No apartado de notificacións inclúense novos xeitos de controlalas, coa posibilidade de responder desde a pantalla de bloqueo, incluíndo a capacidade de protexer contido sensíbel. Tamén podemos establecer horas de sono onde só se nos notifique do importante ou funcións dependendo da persoa que nos contacte: mais se cadra o máis importante é que as chamadas entrantes non interrumpirán o xogo ou o vídeo co que esteamos nese momento.
Poderemos estirar a duración da batería grazas a un modo de aforro que aumenta a autonomía en 90 minutos e veremos o tempo estimado de carga restante cando esteamos a cargar o trebello.
Hai cambios importantes tamén no apartado de seguridade, cun novo cifrado automático que protexe a información nos dispositivos perdidos ou roubados. Integra tamén un sistema de bloqueo intelixente para asegurar os trebellos cun wearable confiábel, así como tamén SELinux enforcing para protexernos do malware e outras vulnerabilidades.
Aquelas persoas que compartan teléfono poden facer uso usa das opcións multiconta, configurando diferentes usuarios. Ademais podemos ter un usuario convidado para poder prestar o noso smartphone sen medo a perder a nosa privacidade.
Os axustes rápidos melloran, sendo máis doado acender / apagar os servizos de localización, WiFi ou Bluetooth e engádense novos controis para linterna flash ou compartir pantalla.
No apartado de conectividade mellóranse os traspasos de rede, para que non teñamos cortes, por exemplo, durante unha videochamada ao apagar a WiFi e pasar a usar a rede 4G. Tamén se actualiza a lóxica de selección de rede para conectarnos automaticamente a WiFis verificadas.
As opcións de OK Google vólvense aínda máis intelixentes, con activación coa pantalla apagada, algo que xa víramos nos trebellos de Motorola.
En canto a rendemento estréase ART, un novo entorno que mellora a resposta das aplicacións, facéndoas até 4 veces máis rápidas. Tamén temos soporte para dispositivos de 64 bits.
E, finalmente, está dispoñíbel en galego ao incluír 15 novos idiomas, chegando así aos 68 idiomas totais
A listaxe de novidades é moito maior, mais aquí quixemos lembrar unicamente as máis destacadas. Logo disto só cabe agardar non tardar moito en recibir a piruletiña (Lollipop) nos nosos dispositivos actuais… ou o novo trebello mercado 🙂
Só espero que os fabricantes se decaten do importante que é esta actualización, e que tódolos seus dispositivos coa 4.4 sexan actualizados á 5. A imaxe das súas marcas melloraría moitísimo en prestixio ó facer que uns dispositivos que, xa cunha versión ían perfectamente, pasen a ser moitísimo máis rápidos.